Ofrenda floral na praza García Barbón Imprimir
Xoves, 05 Marzo 2009 12:17
Con motivo do centenario da defunción de D. José García Barbón, o sábado día 7 de marzo ás 20.20 horas o Concello de Verín ofrecerá unha ofrenda floral ao finado no monumento situado na praza García Barbón. No acto, para o que se convoca a todo a veciñanza, participarán a Banda de Gaitas do Concello de Verín e familiares do que foi o máis grande benfeitor do municipio. Ademais, con motivo do centenario celebrarase na igrexa parroquial de Verín un oficio relixioso in memoriam ás 19.30 horas no que participará o coro do Centro de Servizos Sociais de Verín.
José García Barbón naceu en Verín o 1 de abril de 1831 e faleceu en Vigo o 7 de marzo de 1909. Cando tiña trece anos emigrou a La Habana onde desenvolveu unha grande actividade empresarial e actividades de mecenado de obras públicas e centros de interese cultural e relixioso. Con cincuenta e tres anos, regresou a Verín cunha inmensa fortuna.

Na súa vila natal destacou polo seu labor social e a súa visión emprendedora. A creación e financiamento do Colegio San José (Hermanos de La Salle) foi a obra máis destacada en Verín na súa faceta de filántropo. Do seu apoio financeiro beneficiaríanse obras públicas, como a construción dunha ponte e repoboacións forestais, e culturais, como o sostemento dun mestre auxiliar na Escuela Nacional e dun profesor de música, entre outras moitas accións de colaboración económica a iniciativas locais.

Como emprendedor, cabe destacar entre as súas accións a creación das instalacións do balneario e do hotel de Cabreiroá e  dun Banco de Crédito Agrícola, que se caracterizou por ofrecer créditos a baixo interese aos labregos da comarca. Tamén foi moi importante a súa participación en empresas que tiveron moito relevo no seu tempo para o desenvolvemento local, como Electra de Verín, primeira empresa que abasteceu de electricidade a comarca, ou a empresa de coches de liña Automóbiles Ómnibus de Verín. No patrimonio relixioso verinense, García Barbón financiou obras de restauración na igrexa parroquial de Verín, no Santuario dos Remedios ou a refundición da campá grande da igrexa dos RR. PP. Mercedarios, entre outras accións benéficas.

A partir de 1894, Vigo converteuse no seu lugar de residencia preferente. Tamén na cidade olívica destacaría pola súa filantropía, dotando de edificios ás Escuela Superior y Elemental de Industrias, doando os terreos para a Escuela de Artes y Oficios ou comprando o Teatro Rosalía de Castro, para evitar que se convertera o seu edificio en centro de actividade mercantil; entre outras moitas axudas prestadas ás iniciativas sociais desa cidade. Cando morreu, D. José García Barbón proxectaba a reforma e ampliación do teatro vigués e a construción dunha escola para as nenas de Verín.