Concentración en repulsa á violencia de xénero Imprimir
Venres, 03 Xullo 2009 13:00
A corporación municipal e traballadores do Concello de Verín, así como numerosos veciños/as, concentráronse este mediodía diante da casa consistorial en repulsa ao acto de violencia de xénero acontecido, na xornada de onte, na localidade de Verín.

O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, manifestou a súa condena ante este acto e recordou “a importancia da educación na sociedade para evitar estas situacións”. Ademais, indicou que o Concello de Verín conta cun Centro de Información ás Mulleres, para asesoramento e apoio ás mulleres, e unha comisión para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero. Devandita comisión depende da Xunta de Seguridade Local e está integrada polos representantes da mesma, así como das Consellerías de Xustiza, Sanidade e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín. Con esta actuación búscase mellorar a atención e conseguir a súa adaptación ás necesidades reais das mulleres vítimas de violencia, desenvolver unha actuación integral e multidisciplinar eficaz de modo conxunto e coordinado, garantir os dereitos e liberdades da cidadanía, eliminar a vitimización secundaria; garantir que desde os servizos sociais, sanitarios, policiais e operadores xurídicos se transmita información responsable e unificada ás mulleres afectadas por unha situación de maltrato, optimizar e axilizar todos os recursos existentes para evitar duplicidades, promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e de detección precoz de situacións de violencia na familia, sensibilizar e potenciar a formación continua dos profesionais que reciben demandas de atención a vítimas de violencia e incrementar o nivel de confianza das vítimas no sistema.