4º Festival Internacional da Palabra Imprimir
Martes, 04 Agosto 2009 09:52
Verín acollerá entre o xoves día 6 e o domingo día 9 de agosto a cuarta edición do Festival Internacional da Palabra. Teatro-circo, concertos, teatro infantil, narradores e unha exposición multidisciplinar son os atractivos deste festival. Doce actos en catro días, dos que a cuarta parte están promovidos na sección ‘+ Festival’, e unha exposición que se prolongará até o día 22, forman a programación da cuarta edición do Festival Internacional da Palabra, que organiza o Concello de Verín coa colaboración da Deputación de Ourense.
Coa performance Palabra en Movemento, de poesía, danza, música e creacións audiovisuais, abrirase o festival o xoves día 6 ás 20.30 horas na Casa do Escudo. Tamén o xoves comezarán as actividades ao aire libre que acollerá entre ese día e a clausura a praza García Barbón, coa posta en escena da obra Kataplúm pola compañía Los Estrambóticos (Madrid).

Na segunda xornada do festival, para nenos entre 2 e 5 anos, actuarán das 12.30 ás 13.30 horas na Casa da Cultura as narradoras Ana Victoria Hervella , Carla Alonso, Milagros Bahamonde e Miriam Barreira. Na Biblioteca Pública Municipal ás 19 horas celebrarase o coloquio en forma de taboa redonda aberta  “Autores e problemáticas das edicións” que coordinará José Manuel Barbosa (Co-autor do Atlas Histórico da Galiza e membro do Clube dos Poetas Vivos). Na Casa da Cultura ás 20.30 horas, o grupo de teatro La Caja de Pandora presentará as obras infantís La historia de Bayrina y Fermin Nomelavonada, Bon Apetit e Tifina, una princesa poco fina.  E ás 22.30 horas na praza García Barbón actuará a compañía Projecto Anagrama (Aveiro) coa obra Jôglitron. Para fechar os actos do venres día 7, na sección ‘+ Festival’ de La Casa de los Sueños, actuará o monologuista Miguel Lago.

Para o sábado día 8 están programados dous actos. Na praza García Barbón ás 23 horas o grupo Brañas Folk presentará os temas do seu segundo disco de longa duración titulado Alalá do Cebreiro. Ás 23.45 horas pechase a programación do + Festival, cun concerto de Xanonanoto en La Casa de los Sueños.

A clausura da cuarta edición do Festival Internacional da Palabra será o domingo día 9 co concerto Noite das músicas de tradición oral que acollerá a praza García Barbón a partir das 22.30 horas, no que  actuarán os grupos Quinteto Reis 84, de Miranda do Douro-Portugal, e Brixel.

Como lembranza do carácter multidisciplinar deste Festival, até o día 22 permanecerá aberta de luns a sábado na Casa do Escudo a exposición homónima á performance inaugural, Palabra en movemento, con esculturas, pinturas, fotografías, instalacións e vídeos de diversos autores coa palabra como fío condutor.  Na sección + Festival, que promove e acolle La Casa de los Sueños, actuarán en concerto a partir das 23.45 horas Tonhito de Poi e Rosa Loba. Das 12.30 ás 13.30 horas, na Casa da Cultura, actuarán, para nenos de idades  comprendidas entre os 6 e os 8 anos, as narradoras Margarita Justo e Olalla Blanco.