O Concello de Verín suspende temporalmente o proceso selectivo para a contratación laboral do traballador SAAD mentres a comisión realiza os labores de control Imprimir
Mércores, 09 Xuño 2021 14:32

 A Casa do Concello de Verín acolleu esta mañá a primeira reunión da comisión de control encargada de revisar o proceso selectivo municipal para a contratación laboral temporal dun traballador ou traballadora social para o Servizo Municipal de Dependencia. A mesma estivo conformada polos sindicatos e por representantes do Concello.

Despois de analizar o ditame emitido por unanimidade pola comisión de control, tal e como obra no expediente administrativo, a concellería de Persoal, Réxime Interior e Servizos Xerais declarou a suspensión provisional e con carácter temporal do proceso selectivo iniciado para a contratación dun traballador/a social do servizo municipal de dependencia, ata finalizar os traballos da comisión de control.


Por outra banda, a concellería delegada decidiu tamén convocar novamente a comisión de control para unha segunda sesión para o vindeiro venres 11 de xuño, as 9.00 horas co fin de tomar declaración aos membros do Tribunal cualificador do proceso selectivo, así como a persoa Coordinadora do Servizo de Dependencia municipal, na súa condición de asesor técnico ao Tribunal cualificador.

Sobre a suposta “anomalía” mencionada na comisión de control referente á persoa responsable de elaborar as preguntas do exame, a concelleira responsable da área de Persoal, Réxime Interior e Servizos Xerais, Rosario Rodríguez Delgado, quixo aclarar que «debido á especificidade da materia en cuestión (Novo servizo de dependencia, sistema para a autonomía e atención á dependencia -  SAAD), o presidente do tribunal decidiu que a persoa idónea para elaborar as devanditas preguntas era a coordinadora responsable deste servizo municipal; que, como non pode ser doutra maneira, é unha traballadora social titulada e debidamente cualificada».