Verín acollerá o acto oficial de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes do deseñador Roberto Verino Imprimir
Xoves, 16 Xuño 2022 08:24

 O deseñador verinés Roberto Verino ingresará oficialmente na Real Academia de Belas Artes como Académico de Número Electo dentro da sección Artes da Imaxe. O acto oficial, que está sendo organizado coa colaboración do Concello de Verín, terá lugar no Auditorio Municipal o vindeiro sábado día 18 de xuño, ás 12:30 horas. Durante o mesmo, Verino lerá un discurso como Académico Electo titulado “Aportación da Moda Galega ao orgullo de país” ao que o fotógrafo Xurxo Lobato dará resposta.


Foi o propio Xurxo Lobato, xunto cos tamén académicos Xosé Díaz Arias de Castro, Ángel Luís Hueso e Miguelanxo Prado, os que presentaron a candidatura do modisto Galego para o ingreso na Academia.

Un recoñecemento que se suma a Agulla de Ouro recibida en 1992, a Medalla de Castelao en 1996, ou a Medalla de Ouro de Belas Artes no 2008, e que chega xusto cando se cumpre o 40 aniversario da primeira colección que presentou con Roberto Verino como marca tras regresar dende Francia a Verín co soño de facer moda dende o seu pobo, e contribuír a xerar traballo digno e orgullo de ser galegos.

MODA, ARTE E SOÑOS DENDE VERÍN

Verín forma parte da marca que creou o modisto en 1982. Non só do nome e do lugar que escolleu para construír unha industria téxtil coa que chegou a converterse no segundo español (despois de Balenciaga) en abrir unha tenda en París, a vender nunha vintena de países ou ser un dos referentes do exitoso grupo de deseñadores do Galicia Moda. Verín é inspiración e alicerces, e por iso foi o sitio elixido para o acto oficial de ingreso na Real Academia de Belas Artes.

A relación entre moda e arte é un vínculo bidireccional. Un camiño de dobre dirección baseado nunha mutua influencia e que parte dun necesario proceso creativo. Unha dialéctica que sempre tivo moi presente Roberto Verino. Así, con motivo do 25 aniversario da marca o Museo do Traxe de Madrid e a Gabarrón Foundation de Nova York acolleron unha exposición sobre a firma. Unha relación que se intensificou en 2015 coa apertura dun espazo de arte permanente na tenda da Rúa do Paseo en Ourense. Un lugar que pretende contribuír a difundir e recoñecer o traballo dos artistas.