Música, unha concentración de motos con sesión vermú e a proxección dun documental sobre o horror nazi centran a axenda de hoxe do FIC Vía XIV de Verín Imprimir
Sábado, 03 Setembro 2022 08:34

 A axenda deste sábado do Festival Internacional de Curtas de Verín estivo centrada en actividades de diverso tipo, entre as que salientaron as actuacións musicais, unha concentración de motos con sesión vermú no Espazo Roombo do exterior do Auditorio e a proxección do documental Mauthausen, regreso ao campo da morte. Un traballo de case 25 minutos de duración dirixido e guionizado hai máis de tres décadas polo xornalista e historiador galego Manolo Torrente.

Mauthausen, regreso ao campo da morte conta a historia de dous galegos que conseguiron saír con vida do horror daquel campo de concentración: Enrique Doval, natural de Lugo, e Xaquín Balboa, procedente de Estevesiños (localidade próxima a Verín). Para Manolo Torrente, director do documental e presente hoxe na vila do Támega para o pase do documental, “que se exhiba este traballo no FIC Vía XIV é un recoñecemento a unha peza que sempre supuxo un orgullo para min tanto no eido persoal coma profesional”.

Banda de Garda

Previamente ao pase deste documental, o exterior do Auditorio acolleu na Zona Roombo unha concentración de vespas, lambrettas e motos clásicas, amenizada cunha sesión vermú e con música da Banda de Garda.

Precisamente, onte, no mesmo espazo desenvolveuse -como unha das actividades paralelas do FIC- unha sesión de música electrónica a cargo de Colectivo Salitre, que contou coa actuación dos tres DJs residentes -ICF, Anxiety for Living e Southear.

A axenda do día de hoxe completarase con máis música tamén na Zona Roombo. Ás 22,30 horas actuará a banda de pop-rock En Mala Hora e ás 00.00 horas os presentes poderán desfrutar do rock psicodélico de Jesus The Snake.