Verín proxectará “Malencolía” no marco do Ciclo Mestre Mateo Imprimir
Venres, 14 Outubro 2022 08:53

O Concello de Verín continúa coas proxeccións do Ciclo Mestre Mateo. A  vindeira cita será o domingo 23 de outubro, ás 19.00 horas, coa  proxección  do filme Malencolía no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín, lugar no que terán lugar todas as exhibicións programadas no marco desta iniciativa. (Os filmes proxectaranse mensualmente ata novembro, sempre con carácter gratuíto).



O Ciclo Mestre Mateo é un circuíto de cinema galego impulsado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, a vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Pontevedra e a Deputación de Ourense,  dirixido a concellos e vilas que desexen incluír na súa oferta cultural o máis destacado do audiovisual galego actual.

Malencolía é unha película de Alfonso Zarauza (Ons) que mestura terror e comedia para contar a historia dunha parella galega que, tras 10 anos vivindo en Berlín, deciden dar un novo rumbo á súa vida regresando a Galicia. Con ese obxectivo, comprarán unha casa nunha aldea que consideran abandonada, pero na que vive unha señora coa que manterán unha estraña relación. Esta obra obtivo dous galardóns nos Premios Mestre Mateo a mellor interpretación de reparto: Diego Anido e Iolanda Muíños.

Sinopse

Sira e Pepe son unha parella que fartos da vida en precario e do frenesí da cidade de Berlin, deciden voltar a Galicia tras moitos anos emigrados na Alemaña. Atopan por internet unha casiña na aldea abandonada de Lupián, provincia de Ourense, e deciden deixalo todo para iniciar unha nova vida alí. Chegados a aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por unha peculiar señora chamada Isolina

Ciclo Mestre Mateo

A programación do Ciclo Mestre Mateo ofertada está composta polas películas ?nalistas nos Mestre Mateo, os premios do audiovisual galego, uns galardóns que destacan as obras de maior calidade na produción audiovisual do ano, organizados tamén pola Academia Galega do Audiovisual.

O obxectivos principais da iniciativa son achegar o audiovisual galego aos concellos, vilas e centros galegos do exterior aos que habitualmente non chegan as producións que participan nos Premios Mestre Mateo, facilitar o acceso da cidadanía a unha programación cultural de calidade con produción galega e favorecer o achegamento á nosa cultura e o noso idioma a través do audiovisual.