O Pleno Infantil de Verín pon o foco na igualdade de xénero Imprimir
Venres, 20 Xaneiro 2023 13:00

Máis de 120 alumnos e alumnas de sexto de primaria e de primeiro de ESO pertencentes aos centros educativos de Verín, Amaro Refojo, María Inmaculada, Mercedarios e Princesa de España, participaron esta mañá no Pleno Infantil, convocado polo Concello para coñecer as inquedanzas e os desexos de implicación na vida pública dos veciños máis novos da vila.

A igualdade foi o eixo temático sobre o que versou a sesión plenaria, que foi presidida polo tenente de alcalde e concelleiro de Mocidade, Diego Lourenzo e que contou coa presenza da concelleira de Cultura, Educación e Festexos, Emilia Somoza, e de Rosario Rodríguez, responsable da área de Recursos Humanos e Réxime Interior.

A importancia da concienciación da igualdade de xénero a través da educación, a declaración universal de dereitos humanos, a cooresponsabilidade e os diferentes erros de xénero presentes na sociedade ou a importancia de desmontar os roles e estereotipos foron algúns dos temas tratados nesta xornada educativa.

Tamén durante o transcurso do pleno infantil, o alumno Aitor Chamín Oliveira -do centro educativo Amaro Refojo- foi elixido alcalde infantil de Verín 2023.

Por último o alumnado tivo a oportunidade de formularon preguntas e propostas sobre esta temáticas e os proxectos que se están a levar a cabo en Verín.

Diego Lourenzo explicou que esta sesión plenaria foi concibida polo Concello e os centros educativos da vila coa finalidade de fomentar a concienciación da mocidade verinesa sobre diferentes temáticas que son fundamentais para o seu desenvolvemento persoal e social. «Neste caso», salientou o tenente de alcalde, «consideramos que é de vital importancia educar ao alumnado desde as idades máis temperás para conseguir eliminar os diferentes estereotipos sociais de xénero e fomentar entre eles valores de igualdade e respecto».