O Concello de Verín presenta ante alcaldes de Vilas Termais de toda España o potencial das súas augas mineiro medicinais Imprimir
Sábado, 11 Marzo 2023 11:43

A Sección de Entidades Locais con Augas Mineiro-Medicinais e Termais, constituída no seo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), reúnese os días 9, 10 e 11 de marzo de 2023 no Balneario de Arnoia Caldaria para debater os temas de interese das Vilas Termais de España. No marco do devandito simposio nacional, o alcalde do Concello de Verín, Gerardo Seoane, deu a coñecer o patrimonio da vila do Támega e as súas augas mineiro medicinais a alcaldes de Vilas Termais de toda España. O encontro tivo lugar hoxe venres 10 de marzo nos balnearios de Cabreiroá e Caldeliñas.



O presidente de Vilas Termais e alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, e o alcalde de Arnoia (vicepresidente da entidade e alcalde anfitrión), Rodrigo Aparicio, elixiron Verín como referente do auguismo en Galicia para formar parte do seu programa de visitas na provincia.

Ademais de visitar Cabreiroá, os alcaldes presentes estiveron en Caldeliñas, onde o rexedor verinés, Gerardo Seoane, fixo unha breve explicación do pasado histórico do lugar e o seu importante proxecto de futuro. Segundo explicou Seoane O proxecto derehabilitación do balneario histórico consistirá na adecuación e reforma das instalacións para viabilizar a súa apertura ao público de maneira permanente. «O que queremos e conseguir, ao igual que en Fontenova, e un aproveitamento real das nosas augas mineromedicinais, recurso tan extraordinarios como desaproveitado nas últimas décadas». Ademais, neste caso, o grupo de goberno quere recuperar e protexer o patrimonio cultural vinculado ao balneario de Caldeliñas. «aspiramos á recuperación da protección legal do patrimonio arquitectónico vinculado a este balneario no referido ás ruínas da antiga Casa de Baños das súas instalacións complementarias e do seu contorno». Os rexedores presentes na visita tamén tiveron a oportunidade de degustar as augas minerais de Cabreiroá e Caldeliñas.

Para pechar a xornada, os rexedores das vilas termais visitaron á adega Terra do Gargalo, (creada polo deseñador verinés Roberto Verino, dentro da D.O. Monterrei), os seus viñedos e tiveron a oportunidade de realizar unha degustación de viño. Ademais, O presidente de Vilas Termais, Manuel Campos, agasallou ao alcalde de Verín cunha peza de cerámica de Castrolandín.

Verín destaca por ser unha das vilas de Galicia con maior tradición mineiro medicinal da península. Ademais dos beneficios que estas augas achegan á poboación local -e de todo o que ten que ver cos seus efectos favorables sobre a saúde e o benestar-  «este tipo de turismo», explicou Seoane Fidalgo, «pode xogar un papel fundamental como motor económico e de estabilización de poboación nos concellos rurais do perfil da nosa vila; dado o seu limitado tecido económico e crecemento demográfico negativo».

Vilas Termais nace ao amparo da Federación Española de Municipios (FEMP) co fin de promocionar as entidades locais con augas minerais e termais. Verín forma parte da Asociación de Vilas termais xa que posúe unha das maiores concentracións de augas mineiro medicinais da península; isto xunto co seu gran Patrimonio Termal fai que a cultura da auga estea presente en todo o seu territorio.

Expertos profesionais nacionais e alcaldes de municipios termais de toda España compartirán no evento temas de actualidade e asuntos que lles incumben como: as innovacións en establecementos balnearios, lexislación, axudas, políticas públicas de saúde, tratamentos e avances en hidroloxía médica, proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios, etc.

 

 

A Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais ten como obxectivos:

 

- A defensa dos intereses das Entidades Locais que contan con augas minerais, augas mineiro-medicinais, minerais naturais, mineiro-industriais ou termais, co obxecto de contribuír ao seu desenvolvemento sostible desde unha perspectiva socioeconómica, urbana, cultural, sanitaria, turística e ambiental.

 

- A promoción do aproveitamento integral das augas minerais como recurso produtivo nas súas diferentes vertentes, e a potenciación de políticas e ferramentas comúns de modernización e calidade para promover o atractivo e a competitividade da Entidades Locais con augas minerais.

 

- O impulso do papel activo dos entes locais na planificación e desenvolvemento dos seus recursos en augas minerais, favorecendo a súa integración no tecido socioeconómico local.

 

- O intercambio de información e experiencias, a prestación de servizos de asesoramento e asistencia para os seus membros, a formación de técnicos e a mutua cooperación entre as autoridades das Entidades Locais que contan con augas minerais.

 

- A colaboración a nivel interrexional, nacional e internacional con autoridades, asociacións e institucións, facilitando a coordinación e cooperación entre elas.

 

- A promoción turística nacional e internacional da Entidades Locais que configuran márcaa “Vilas Termais FEMP”.

 

- Contribuír co conxunto de Administracións Públicas á definición de obxectivos e implementación dunha política integral no desenvolvemento das Entidades Locais con augas minerais.

 

- Calquera outro obxecto directamente relacionado cos fins da mesma.

 

 O XVI ENCONTRO DE VILAS TERMAIS, está organizado pola FEMP e o Concello de Arnoia en colaboración coa Deputación de Ourense.  O día 11 de marzo a Sección de Vilas Termais celebrará a súa Asemblea anual en Arnoia onde se aprobarán as actividades para os próximos meses.