Verín converteuse en epicentro da arte teatral co taller gratuíto de adestramento de clown de Marcelo Katz Imprimir
Venres, 05 Maio 2023 13:06

Verín converteuse a semana pasada no epicentro da arte teatral coa realización dun taller de adestramento de clown, liderado polo recoñecido mestre arxentino de máscaras e clown Marcelo Katz e realizado en colaboración con Santiago Cañaveral, director do teatro local Kotodama, e o Concello de Verín.


Grazas ao apoio do Concello, os 16 participantes puideron gozar desta experiencia de forma gratuíta, e viviron unha semana apaixonante, arriscada e comprometida, onde se adestraron profesionalmente nesta particular modalidade do teatro físico, o clown.

Durante toda a semana, os participantes realizaron exercicios nos que traballaron sobre o corpo, a expresión, os impulsos, o estado de presenza, a calidade lúdica, a variedade de estados sensibles e o traballo co público. Todos estes elementos abordáronse con intensidade e compromiso, o que deixou diversas ferramentas escénicas e profundas sensacións e motivación no grupo de participantes.

Segundo destacou Marcelo Katz, «A experiencia foi descrita polos asistentes como intensa e conmovedora, e deixou unha pegada significativa nos participantes».