Verín celebra o Día da Xuventude en Galicia cunha xornada de actividades educativas e de ocio Imprimir
Martes, 09 Maio 2023 10:58

O vindeiro sábado 13 de maio, Verín celebrará e porá en valor o Día da Xuventude cun evento que terá lugar na Praza García Barbón (no caso de inclemencias meteorolóxicas será no Pavillón Municipal de Deportes), de 16 a 21 horas, e contará coa actuación musical da verinesa Victoria Pérez Gascón, ás 20:30 horas. Trátase dunha iniciativa que incluirá unha ampla programación formativa e de ocio destinada tanto á mocidade como ás súas familias, dado que tamén favorece a conciliación da vida familiar e laboral.


Este acto está enmarcado nun novo programa de lecer e educación promovido posto en marcha pola Xunta de Galicia  e dirixido aos mozos e mozas galegos. Este programa, que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables, recalará en ata 30 concellos diferentes das catro provincias galegas.

Os mozos e mozas participantes poderán desfrutar dun amplo abano de actividades totalmente gratuítas que inclúen gastronomía saudable con xogos educativos e show cooking con produtos locais e de tempada, lecer educativo con actividades como fútbol burbulla, futbolín humano, slackline e tiro con arco, sensibilización medioambiental con talleres dinámicos sobre a protección do medio, o cambio climático ou a reciclaxe, igualdade de xénero con actividades sobre relacións tóxicas vs. relacións de bo trato, taller de graffiti con técnicas de aprendizaxe rápida e mural común, habilidades para a empregabilidade con dinámicas grupais para a elaboración do currículo ou abordaxe dunha entrevista de traballo, e información xuvenil a través dunha caravana móbil como punto de información de recursos para a mocidade.