De Bélxica a Verín: Ialma canta a Rosalía nestas Letras Galegas Imprimir
Luns, 15 Maio 2023 16:24

O grupo de pandeireteiras belgas fillas de emigrantes galegos realizan nestas Letras Galegas unha xira moi especial polo país. Estarán en Galicia dende o 13 ao 17 de maio, sendo unha das súas paradas Verín.


O concerto será o día 16 de maio na Praza da Merced ás 20:30h. “Ialma canta a Rosalía” é un espectáculo no que Verónica Codesal, Natalia Codesal, Eva Fernández e Marisol Palomo contan a súa historia, que é a de tantos emigrantes. “O noso proxecto é, coma o de Rosalía, un horizonte de esperanza. Amamos a vida, a música, a poesía, a danza, a xente. Ialma é dignidade, liberdade e alegría de vivir”, así definen este espectáculo co que tamén estaráne en Ferrol, Cambados e Salvaterra do Miño.

A banda vese reflectida e identificada en Rosalía. “Os nosos avós e pais contáronnos pouco a pouco con moito medo os seus sofrimentos pero tamén o amor polo seu país. Transmitíronnos valores como o de falar a nosa lingua, considerada na época un dialecto. Tentaron sempre gardar e ensinarnos as súas costumes galegas. Os cantares sempre foronpresentes como unha forza do porvir”, contan.

Nestas letras galegas, realizan unha viaxe moi emocionante á terra dos seus pais para dar

unha xira moi especial.

Sobre Ialma

Durante máis de 20 anos, as cantareiras de IALMA cantan e tocan o seu país de orixe en todo o mundo. Dende os seus inicios e “Palabras Darei”, o seu primeiro disco, percorreron moitos camiños. Camiños nos que se cruzaron con grandes artistas como Dulce Pontes, Carlos Nuñez, Kepa Junkera, Mercedes Peón, Eliseo Parra, pero tamén Arno, Zefiro Torna, Philippe Catherine, Renaud, Lucilla Galeazzi, Leila Amezian, Manou Gallo, Carlo Rizzo, Quentin Dujardin, Dick Van der Harst, Urban Trad, Fabrizio Cassol, N'Faly Kouyaté ou Perry Rose.

A cultura musical e as tradicións galegas son as súas fontes de inspiración inesgotables que lles permitiron construír, pouco a pouco, un amplo repertorio de cancións tomadas das súas raíces pero adaptadas á súa vida diaria: a das mulleres de hoxe.