Gemma Chapela e Francisco Vilaboa inaguraron o palmarés da proba organizada en Verín polo Bicicletas Chinquena Imprimir
Martes, 16 Maio 2023 12:53

A segunda xornada da Copa Galicia de Descenso 2023 supuxo unha estrea no calendario autonómico. Na localidade ourensá de Verín, o Bicicletas Chinquena Racing Team organizou a primeira edición do DH Cabreiroá, unha proba que expandiu o flow do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego e que tivo como riders máis rápidos ao elite Francisco Vilaboa (Singletrack) e á líder elite Gemma Chapela (VK Bikes). Tres camisolas da xeral pertencen a novos propietarios.


O bautizo deste evento resulto un éxito. "Foi espectacular o vivido esta fin de semana", aseguran dende o club que exerceu de anfitrión no circuíto de Cabreiroá, unha baixada de 1,78 quilómetros e 322 metros de desnivel. Ao vertixinoso trazado engadiuse a dificultade do po.

Tanto na quenda clasificatoria como na final, Francisco Vilaboa asinou o rexistro scratch. O 'crono' de 3:11,871 que lle deu o triunfo mellorou en case 1 segundo o da súa primeira baixada. A máis de 6" do corredor do Singletrack Outdoor Sports quedouse Javier Fernández - cun tempo de 3:17,656- defendendo as cores do conxunto local e o podio elite e absoluto completouno Gabriel Alonso (Tribu del Ñu) ao deter o reloxo en 3:18,761.

A cuarta posición correspondeu ao vencedor máster-30 Héctor Guerra (Te Eme Sport), coa quinta fíxose o líder sub23 Zoe del Río (XSM) e sexto meteuse o mellor júnior da xornada, Hugo Rosendo (Cerdedo-Cotobade). Á fronte da xeral elite da Copa mantense Álex Paz (Compostelano), sétimo neste DH Cabreiroá, e os triunfos no resto de categorías obtivéronos Miguel Ángel Pintos (Coruxo) nos máster-40, Yerai Peláez (Coruxo) nos cadetes e Ricardo Escudero (Poio Bike) nos máster-50.

A líder repite Gañadora no arranque do certame galego en Santiago de Compostela, Gemma Chapela repetiu entre as mulleres. A elite que a fin de semana anterior competiu coa Selección de Breogán en Boticas (Portugal) impúxose nesta ocasión malia empregar na final 12" máis que na clasificatoria. O seu tempo de 4:57,961 non o puideron rebaixar nin a líder sub23 Uxía Álvarez (Coruxo), segunda scratch a 15", nin a elite Desiree Fernández (Ribadumia), terceira na clasificación absoluta a 40" da rider do VK Bikes.

Entre as cadetes a líder Alexia Santervas (A Forna) bateu a Neyra Giráldez (VK Bikes) e a Alejandra Díaz (Cambre - Renault Caeiro), segunda e terceira respectivamente, mentres que Lorena Castro (VigoEnduro) apuntouse o triunfo máster-30 e a primeira praza na xeral.

Ao marxe das categorías da Copa Galicia disputáronse a competición infantil, con Sheila Cartagena (Vilopower) e Mario Barreiro (VK Bikes) subindo ao chanzo máis alto do podio, e a de Enduro, dominada por Adrián Pazos (Bici Verde).

 

Paréntese no calendario

Despois de arrancar con dúas cita en menos dun mes, o certame autonómico de Descenso regresará o 10 de setembro en Vilaboa. A esta paréntese chegan como novos líderes Rubén Temprano (Komanche) nos cadetes, Lorena Castro nas máster-30 e Miguel Ángel Pintos nos máster-40. Nas outras categorías seguen ao mando Alexia Santervas nas cadetes, Raúl Romero (A Forna) nos juniors, Uxía Álvarez e Zoe del Río en sub23, Gemma Chapela e Álex Paz en elites, Diego Cuba (Medela) nos máster-30 e Ricardo Escudero nos máster-50.

Toda a información sobre a Copa Galicia DHI podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do hashtag #CopaGaliciaDHI23.

Copa de España

Tamén este domingo tivo lugar en Candeleda (Ávila) o VI Gran Premio DH El Raso-Gredos, terceiro e penúltimo evento da Copa de España. O mellor resultado galego nos elites rubricouno Roi Jorge (Bici Verde), undécimo, e os seus compañeiros de club Yago Caride e Gael Ferro clasificáronse sexto e sétimo, respectivamente, nos juniors. O certame estatal concluirá o 23 de xullo en Galicia, no V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park.