Verín mergúllase no Misterio: VI Edición das Xornadas de Novela Negra “FICHA 342 Imprimir
Venres, 01 Decembro 2023 13:08

Do 25 ao 27 de xaneiro de 2024, Verín mergúllase nun ambiente de intrigas, espionaxe, crimes e misterio coa celebración das VI Xornadas de Novela Negra “Ficha 342”.  Así o confirmaron esta mañá o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a concelleira de Cultura, Samanta Barreira; e os organizadores do evento, Vicente Rodríguez e Aurora Prieto, nas instalacións da Biblioteca Municipal de Verín.


O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, destacou que esta nova edición das xornadas promete unha «fascinante fusión entre realidade e ficción. Contaremos, como sempre, con destacados expertos do xénero que deixaron a súa pegada tanto na literatura como na realidade, ofrecendo aos asistentes unha experiencia única».

O rexedor municipal aproveitou tamén para expresar o seu «máis sincero agradecemento» aos organizadores deste encontro cultural, «cuxo árduo traballo e dedicación fan que, ano tras ano, sexa posible ter eventos de primeiro nivel como as Xornadas de Novela Negra ou Novela Histórica. O seu compromiso coa promoción da cultura e do fomento á lectura merece o noso recoñecemento e gratitude».

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Samanta Barreira, quixo salientar a «vital importancia, non só de emprender senón, máis aínda, de manter con éxito no tempo proxectos culturais como estas xornadas». Destacando a calidade dos poñentes e a participación activa do público como elementos clave para o seu éxito continuado.

«Non podería deixar de lembrar», explicou Barreira,  «que todo isto non sería posible sen a dedicación das voluntarios e voluntarias da biblioteca. Xunto con Vicente e Aurora, son a garantía do seu compromiso coa lectura e excelencia no facer, que fai que estas Xornadas de Novela Negra, na súa sexta edición, xa se consoliden como un dos evento máis destacados na nosa programación cultural municipal».

Este ano entre os relatores, atópanse Iñaki Sanjuán, Inspector Xefe da Policía Nacional e responsable da sección de terrorismo internacional; Fernando Serrulla, Médico Forense e Antropólogo Forense, a cargo da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia; Mikel Lejarza, tamén coñecido como "Lobo", axente do SECED/CNI que desmantelou a cúpula de ETA desde dentro na década de 1970; e Fernando Rueda, xornalista de investigación e autor da biografía de Mikel Lejarza, así como do primeiro libro sobre os misterios do entón CESID, agora CNI, que cumpre 30 anos.

Ademais, estarán presentes destacadas figuras do ámbito literario como María Solar, gañadora do Premio Xerais 2022, coa súa novela "A culpa"; e Pedro Feijoo, presentando "Ninguén contará a verdade", galardoada co Premio Xerais 2023.

O evento contará tamén coa participación de Enrique León Calviño, Ex Comisario de Vilagarcía, quen presentará a Iñaki Sanjuán. Como en anteriores edicións, a coordinación das xornadas correrá a cargo do Xuíz Vázquez Taín.

As voluntarias da Biblioteca de Verín, encabezadas por Lara Páez, Sara Blanco e a recentemente incorporada Diny Blanco, serán as encargadas de conducir o evento. Tamén serán responsables de presentar aos relatores.

Todas as actividades organizadas no marco das xornadas terán lugar no  Auditorio de Verín, agás a proxección da película "O Lobo", que será no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín. A entrada será de carácter gratuíto.

#FICHA342

Ademais, desde a Biblioteca Municipal anunciaron que «se premiará a todas a aquelas persoas que se fagan a “FICHA342”», que consistirá en tomar unha fotografía na particular ficha biblio/policial (photocall que se atopa instalado na Biblioteca Municipal de Verín). Posteriormente deberán compartila nas súas  redes sociais etiquetando a @bibliotecadeverin, así como aos autores participantes, co hashtag #FICHA342. Os cinco participantes máis populares, medidos polo número de "likes" e "compartidos en redes", recibirán libros especialmente dedicados polos autores.

Toda a información detallada sobre as VI Xornadas de Novela Negra: "FICHA 342" atópase dispoñible na web oficial do evento https://novelanegra.bibliotecadeverin.es/ e nas redes sociais da Biblioteca e do Concello de Verín.