O Concello de Verín habilita un aparcadoiro ocasional de 2.000 metros no San Antón para as celebracións de mañá Imprimir
Martes, 16 Xaneiro 2024 14:20

Unha parte dos espazos tradicionais de ubicación das fogueiras do San Antón, en Verín, poderanse usar mañá pola veciñanza na secular romaría. Grazas ao acordo temporal acadado entre o Concello e os novos propietarios dos terreos, parte dos pechamentos foron retirados provisionalmente, co cal as zonas adxacentes á capela do santo de Ábedes poderán ser novamente o escenario da reunión de todos os 17 de xaneiro.


Ademais, o concello habilitou un aparcamento provisional ao oeste da estrada fronte á capela, en 41.932340, -7.419512, o que permitirá gañar espazo para os visitantes. O Concello lembra aos asistentes que se conduzan con precaución no aparcadoiro, dada a previsión de choivas persistentes para mañá, e advirten que esta nova zona é para desconxestionar de vehículos a contorna, e en ningún caso debe servir para acender fogueiras.

O Concello tamén habilitou, como ven sendo tradicional, espazos para depositar o lixo, e porá a disposición dos veciños leña desde primeira hora da mañá. Pide aos asistentes que maximicen o coidado dos espazos comúns, utilizando os medios para a limpeza, e agradece aos propietarios dos terreos que permitiron a retirada dos seus valados a súa colaboración nesta celebración tan importante para todas e todos os verineses.