Axudas directas e chamamento á participación activa dos grupos de comadres, principais novidades dos Desfiles de Entroido de Verín Imprimir
Xoves, 18 Xaneiro 2024 14:07

Á área de Turismo, Cultura e Festexos do Concello de Verín abre o prazo de inscrición para as carrozas e comparsas que desexen participar nos desfiles do Entroido 2024. A data límite para formalizar a participación será mércores 31 xaneiro. Como novidades, este ano, a organización ofrece axudas directas e fai un chamamento á participación activa nos mesmos dos grupos de comadres.

Este ano, os Desfiles de Entroido en Verín presentan unha importante novidade ofrecendo axudas directas á participación de carrozas e comparsas, destinadas a impulsar a creatividade e a animación neste destacado evento. Cunha asignación máxima de 10.000 euros procedentes do orzamento municipal, os premios repartiranse equitativamente entre os participantes, seguindo unha estrutura que premia o número de integrantes, desde 200 euros para grupos máis pequenos ata 500 euros para aqueles con máis de 30 membros. A distribución levarase a cabo respectando rigorosamente a orde de inscrición, incentivando a pronta participación e recoñecendo o esforzo de todos grupos involucrados.

Por outra banda, e co propósito de visibilizar e valorizar os elaborados disfraces que -ano tras ano-  crean con paixón centos de grupos de mulleres para a mítica noite de comadres, desde a área de Festexos faise un chamamento á súa participación activa nos desfiles. «Esperamos que se presenten o maior número de grupos de comadres, xa que estamos seguros que isto contribuirá a enriquecer a experiencia de participantes e espectadores por igual, enchendo de colorido e diversión as rúas de Verín», destacaron desde a área de Turismo Cultura e Festexos.


Inscricións:
- Con axudas: oficina de rexistro municipal
- Sen axuda: Ofcina de Turismo de Verín
- + Info: 988 41 16 14


BASES DO CONCURSO DE COMPARSAS CON PREMIOS Á PARTICIPACIÓN NO ENTROIDO 2024