Exposición ‘Ríos de Galicia. Tesouros de Vida’ Imprimir
Luns, 05 Abril 2010 10:19

O vindeiro mércores 7 de abril, a partir das 19 horas, a Casa do Escudo de Verín acollerá a inauguración da mostra fotográfica ‘Ríos de Galicia. Tesouros de vida’, organizada por Caixanova en colaboración co Concello de Verín, e a proxección do documental ‘Augas vivas de Galicia’.

Esta exposición consta de 50 fotografías realizadas polo fotógrafo submarino José Luís González ao longo de 15 anos de traballo nos máis diversos e recónditas paraxes da xeografía galega. A través das súas lentes captou imaxes sorprendentes, que reflicten o bulicio da vida que se esconde no silencioso interior dos fermosos ríos galegos. A nutria, a vexetación subacuática, a culebra, o galápago ou o bosque de ribeira, especies algunhas delas en perigo de extinción, protagonizan instantáneas que reflicten a gran beleza duns ecosistemas que resisten aínda os embates da modernidade, e que como fráxiles tesouros é necesario manter a recado.

Director da Semana de Cine Submarino de Vigo desde a súa primeira edición, José Luís González, ademais, foi galardoado polo seu traballo como fotógrafo en numerosos certames nacionais e internacionais. Entre outros recoñecementos, foi Campión de España de Fotografía Submarina en 1993 e 1997, Campión do Mundo por Equipos no seu VII edición, en 1998, e distinguido coa Medalla de Bronce da Real Orde do Mérito Deportivo, que entrega o Consello Superior de Deportes. Tamén foi premiado tres anos consecutivos no certame da BBC Wildlife Photographer of the Year (1999, 2000 e 2001). Ademais, é colaborador en numerosas publicacións e revistas nacionais e internacionais como Geo ou National Geographic.
Outro elemento significativo deste proxecto é o documental ‘Augas vivas de Galicia’ realizado pola man profesional do experto en vídeo Manuel E. Garci e o seu equipo. Cunha duración de 32 minutos, supón unha excitante viaxe sonora e visual no coñecemento da flora e fauna, así como dos hábitats dos ecosistemas fluviais galegos. Producido por Caixanova, presentouse no marco do Festival de Cine Submarino en novembro de 2007.

Con todo, os días 27 e 28 de abril, os/as alumnos/as de 3º Ciclo de Primaria e 1º e 2º Ciclo de Secundaria dos centros educativos de Verín, poderán ver esta proxección e recibirán tamén a unidade didáctica que elaborou para este proxecto o Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, responsable tamén dos textos e pés de foto presentes na exposición. Unha unidade dividida en tres bloques que abordan, respectivamente, o estudo do río e as súas características, o dos seus habitantes, e o da súa contorna. A través dela preténdese que todos os escolares, que recibirán a unidade durante a súa visita concertada polo colexio á proxección do documental, coñezan e valoren este gran patrimonio natural, adopten modos de comportamento que favorezan o seu coidado e poidan contribuír así activamente á defensa, conservación e mellora dos ecosistemas fluviais.

A exposición poderase visitar ata o 30 de abril, de luns a sábado, das 10 ás 14 horas e das 16.30 ás 20.30 horas.