Técnicas e técnicos de Ourense, Verín, Lugo e Ferrol viaxarán a países do Sur como voluntarios co programa ‘Vacacións con Traballo’ Imprimir
Martes, 18 Maio 2010 11:58

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de concluír a selección dos catro técnicos e técnicas municipais e provinciais que este verán participarán en proxectos de cooperación ao desenvolvemento en países do SUR. Ourense, Verín, Lugo e Ferrol son as localidades de procedencia dos escollidos, que investirán o seu período de descanso traballando con parceiros do Fondo en Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú.

O obxectivo é que os profesionais galegos compartan os seus coñecementos teóricos e prácticos coas entidades de acollida. Contribuirán así a acadar unha meirande implicación dos organismos públicos nos proxectos onde colabora o Fondo Galego, así como a mellorar a visibilidade e a transparencia das iniciativas financiadas.

Neste marco, o técnico do Concello de Ourense, Gonzalo Alonso, cooperará coa Associação Nacional de Municípios Cabo-Verdianos, entidade na que se integran os 22 municipios do arquipélago africano. A traballadora do Concello de Verín, Patricia Varela, colaborará coa Oficina do Conservador de Santiago de Cuba, institución dedicada á conservación do patrimonio histórico-cultural e monumental da cidade. O seleccionado da Deputación de Lugo, Brais García, vai desenvolver o seu labor no Instituto de Promoción Humana (INPRHU) de Nicaragua, centrado na autoorganización de comunidades locais en prol dun desenvolvemento endóxeno. Por último, a profesional do Concello de Ferrol, María Jesús Olivares, traballará no Centro de Promoción do Desenvolvemento e a Educación (CEPRODE), que promove o desenvolvemento local en estreita parcería coas 11 municipalidades da provincia de Huaral, na rexión de Lima.

Esta quinta convocatoria de ‘Vacacións con Traballo’ colleitou a meirande participación na historia do programa, téndose un total de 21 solicitudes válidas, lonxe das 13 que rexistrou a edición de 2009. O Concello de Monforte con tres inscricións, e mais os de Ferrol e Ourense con dúas cada un, foron as institucións das que máis peticións se recibiron. Asemade, formaron parte do proceso selectivo traballadores e traballadoras das Deputacións de Pontevedra e Lugo, e tamén dos Concellos de A Coruña, Ames, Bergondo, Cambre, Cangas, Lugo, Nigrán, O Valadouro, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas e Verín. A escolla non foi doada, dado o elevado número de inscricións e a calidade dos solicitantes, todos eles con ampla formación e experiencia. Unha vez avaliados os seus currículos e as cartas de motivación, a Comisión Executiva do Fondo Galego resolveu a listaxe de titulares e suplentes para cada unha das catro prazas.

Deste xeito, preténdese darlle continuidade á iniciativa ‘Vacacións con Traballo’ e que sirva para animar a outras persoas a participaren en convocatorias futuras. Tal e como se veu facendo nos anos anteriores, á volta o persoal técnico verterá as súas experiencias nun caderno onde darán testemuño dos aspectos máis relevantes da viaxe e do traballo no Sur. Esta publicación volverá, de seguro, pór de manifesto o bo labor exercido por todas as entidades colaboradoras, así como as ganas e a motivación de todos os participantes.