Construción dun telecentro social en Salgueiro e Caldeliñas Imprimir
Venres, 09 Xullo 2010 08:05

O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, anunciou a construción dun telecentro social nas localidades de Salgueiro e Caldeliñas, por un orzamento de 115.000 euros.

“Unha obra que completa a rede de centros sociais existentes no municipio”, indica o rexedor, “xa que en próximas datas inauguraremos o de Pazos, se están a rehabilitar os de Mandín e Feces de Abaixo, e xa se concluíu o de Queizás”. Ademais, xa se aprobou por decreto de alcaldía o Plan de Infraestruturas para realizar esta infraestrutura que se situará nun terreo propiedade de ambas localidades, a zona de A Veiga. “Un decreto necesario para permitir a construción deste telecentro nun terreno rústico”, afirma Jiménez Morán, que “estará exposto ao público durante vinte días, aprobarase en pleno, adxudicarase e iniciarase a construción en breve”.

Esta nova edificación contará tamén cun parque biosaudable na súa contorna, no que se atopa unha pista polideportiva, e permitirá “que os veciños e veciñas de ambas localidades teñan un lugar para reunirse, realizar obradoiros e ximnasia, entre outras cuestións”, conclúe o rexedor.

Por outra banda, tamén en Caldeliñas o Obradoiro de Emprego Baronceli, concedido pola Consellería de Traballo e Benestar, está a restaurar o espazo verde da Fonte de Madoiras.