O Concello de Verín e MicroBank asinan un acordo para o financiamento de microcréditos Imprimir
Xoves, 31 Xullo 2008 17:21
O alcalde do Concello de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán e o director de Área de “La Caixa”, Julio Armada, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o financiamento de microcréditos. Este acordo facilitará as operacións de préstamo de pequenas cantidades dirixidas a aquelas persoas con dificultades para acceder ao sistema crediticio tradicional. Así mesmo, apoiará e fomentará a creación de proxectos innovadores de persoas con carácter emprendedor.
O criterio de concesión dos microcréditos sociais por parte de MicroBank atende fundamentalmente á confianza e viabilidade dos proxectos a financiar, que non requiren das garantías e avais necesarios para acceder aos créditos do sistema financeiro tradicional. O carácter social dos microcréditos vén avalado polo feito de que máis do 73% dos microemprendedores sexan mulleres e máis dun 26% sexan inmigrantes, dous dos sectores de poboación con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral. As actividades que predominan entre os negocios postos en marcha polos beneficiarios de MicroBank son o comercio (27,6%), as empresas de servizos -mensaxería, atención social, limpeza...- (25,2%) e a hostalería (15,7%).

MicroBank, en funcionamento desde o ano pasado, diríxese a todas as persoas cuns recursos económicos limitados e ás empresas do terceiro sector, co obxectivo de fomentar a actividade produtiva, o desenvolvemento persoal e a creación de ocupación.

Para máis información deben dirixirse á Axencia de Promoción Económica, situada no primeiro piso do Concello de Verín, ou na propia entidade bancaria.