Unha feira e un torneo medieval presentes na terceira edición de “Irmandiños: A Revolta” Imprimir
Venres, 19 Setembro 2008 12:54
A realización dun mercado de artesanía e gastronomía e un torneo medieval con cabalos conforman as principais novidades da terceira edición de “Irmandiños: A Revolta”, o xogo de rol en vivo máis grande do mundo, e que terá lugar entre os días 26 e 28 de setembro no Castelo de Monterrei.
Na presentación de “Irmandiños: A Revolta”, á que asistiron o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela Díaz, o delegado provincial de Vicepresidencia, Xosé Francisco Ferreiro Abelleira, e os alcaldes de Monterrei e Verín, José Luis Suárez Conde e Juan Manuel Jiménez Morán, respectivamente, desveláronse as seguintes actividades alternativas ao evento, co fin de implicar aos/ás veciños/as de Verín e Monterrei: realización dun mercado artesán e gastronómico na praza García Barbón, torneo con cabalos na zona da Perguiza (ambas en Verín) e programación de visitas guiadas ao xogo de rol no castelo de Monterrei (ás 11, 12, 16, 17, 18 e 19 horas).

Este xogo de rol en vivo, organizado por 13 Negativo e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade en colaboración cos Concellos de Monterrei e Verín, está ambientado no ano 1475, tras a derrota do Exército Irmandiño en Monterrei, e ten como finalidade “dar a coñecer a historia e o patrimonio artístico de Galicia, pór en contacto á mocidade co mundo do teatro e os xogos de rol e propor modelos alternativos de lecer”, segundo indicou Rubén Cela Díaz.

Nesta terceira edición participarán un total 800 mozos/as, 200 deles de fóra de Galicia, de entre 18 e 35 anos, divididos en dous bandos: Irmandiños e Malfeitores. Mentres que o primeiro bando se subdivide en: fidalgos, burgueses, bandidos, campesiños, fidalgos, mariñeiros, monxes, bachareis, trobadores, mendigos e mercedarios; o segundo estao nos exércitos de Fonseca, Pimentel, Zúñiga e Pedro Madruga. Todos os xogadores, que deberán traer o seu propio vestiario e espada -exceptuando os inscritos no bando dos Malfeitores e na Confraría de Mercenarios-, poderán desprazarse ata a zona de xogo nos seus vehículos particulares ou en autobuses dispostos pola organización.