Pleno ordinario Imprimir
Luns, 13 Outubro 2008 20:26
O Salón de Plenos do Concello de Verín acolleu esta tarde unha sesión ordinaria na que se abordaron os seguintes puntos:
1. - Aprobación, se procede, do borrador da acta de sesión ordinaria de data 08.9.2008 (Acta nº 11/2008).
2. - Aprobación definitiva do estudo de detalle tramitado a instancia de Juan Manuel del Río Lorenzo.
3. - Ratificación do decreto da alcaldia de data 16.9.2008 relativo ao desenvolvemEnto de redes de telecomunicación sen fíos de acceso a internet de banda larga.
4. - Ratificación do decreto de alcaldía de data 18.9.2008 sobre fixación festas locais deste Concello para o ano 2009.
5. - Moción do grupo municipal do PP sobre reforma urxente do financiamento local.
6. - Incorporación do Concello de Verín á Fundación Galega Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Verín.
7. - Dedicación do Día das Letras Galegas a Xesús Taboada Chivite.
8. - Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local mediante a ocupación, con fins lucrativos, con instalacións, redes de antenas, do solo, subsolo e voo das vías públicas municipais, constituída a favor de empresas explotadoras, subministradoras ou prestadoras de servizos de telefonía móbil.
9. - Dar conta dos decretos ditados pola alcaldía e polas distintas concellarías delegadas, en materia de administración local, dende o día 04.9.2008 até o 08.10.2008, ambas as dúas datas incluidas.
10. - Informacións e outros asuntos da Presidencia.
11. - Rogos e preguntas.

Na pleno aprobáronse por unanimidade os seguintes puntos:
- Completar e reaxustar as aliñacións oficiais previstas nos planos de ordenación das normas subsidarias de planeamento do Concello de Verín nas rúas Río Mente e Camiño dos Coutos -estudo tramitado a instancia de Juan Manuel del Río Lorenzo-.
- Ratificación do decreto de Alcaldía de data 16.9.2008 relativo a pór a disposición da Fundación para o fomento da calidade industrial e o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia -durante toda a vixencia do proxecto para o desenvolvemento de redes de telecomunicacións sen fíos de acceso a Internet de banda larga en polígonos industriales ou parques empresariais- un espazo de 7 x 5 metros da parcela B-2-A situada no Polígono de Pazos, así como todos os terreos necesarios para a execución das obras.
- Festivos locais para o ano 2009: 25 de febreiro (Mércores de Cinza) e 8 de setembro (Nosa Señora dos Remedios), nesta ocasión non se propón o 17 de xaneiro (San Antón) porque é sábado e só sería festivo medio día para a maioría da xente.
- Moción do grupo municipal do PP sobre a reforma urxente do financiamento local na que se acordou o seguinte: esixir ó Goberno o aumento das transferencias económicas do Estado ós concellos, iniciar as negociacións para reformar as facendas locais, delimitar na futura Lei de Bases de Réxime Local as competencias dos Concellos e das Deputacións Provinciais e solicitar a creación dun Consello Local de Política Financieira. Esta moción aprobada por unanimidade de todas as forzas políticas incluiu dúas enmendas do BNG -inclusión de que se teña en conta a dispersión e envellecemento poboacional e a sustitución da palabra “Nación” pola de “Estado”. Ademais, no referente a mesma cuestión o PSdeG-PSOE presentou a seguinte moción, tamén aprobada por unanimidade -na súa ratificación e posterior votación-, na que a corporación municipal acordou: expresar a vontade de apoiar á FEMP durante o proceso da negociación que está realizando en representación e defensa dos intereses de todas as entidades locais, incrementar a proposta de previsións para o exercicio orzamentario do ano 2009 e solicitar ao Goberno o compromiso de mellorar o financiamento local, entre outros.
- Incorporación do Concello de Verín á Fundación Galega Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Verín -construído pola Consellería de Traballo no marco do proxecto Desqoop 'Desarrollo rural transfronterizo de base cooperativa, Galicia-Norte de Portugal”- e a designación do alcalde, Juan Manuel Jiménez Morán, como representante do Concello de Verín nesta fundación.
- Constitución da Comisión Xesús Taboada Chivite -previa invitación do Concello de Verín á familia do autor, á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, ao Museo Arqueolóxico e ao Museo do Pobo Galego- para desenvolver, de forma conxunta, un amplo programa de actuacións con motivo do 35 aniversario do pasamento do autor. Así como, captar adhesións entre as institucións e a intelectualidade galega e concienciar aos membros da Real Academia Galega para que no ano 2011 ou no 2012 se adique o Día das Letras Galegas a este intelectual verinense.
- Aprobación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización privativa ou o aproveitamento especial do domino público local mediante a ocupación, con fins lucrativos, con instalacións, redes de antenas, do solo, subsolo e voo das vías públicas municipais, constituída a favor de empresas explotadoras, subministradoras ou prestadoras de servizos de telefonía móbil.

Ademais, nesta sesión plenaria presentáronse as seguintes mocións:

- Aprobación da execución das obras de acondicionamento, abastecemento, saneamento e alcantarillado na rúa Cancelón. Esta moción, presentada polo PSdeG-PSOE, foi rexeitada na súa ratificación de urxencia cos votos en contra do PP, debido a que esta obra xa está presupostada para o exercicio 2009.

- Adopción dun acordo que permita solucionar os problemas de transporte dos veciños de Queirugás. Neste caso, a moción presentada polo PSdeG-PSOE foi rexeitada na súa ratificación de urxencia polo PP, xa que posteriormente este grupo municipal presentou unha moción relativa a mesma cuestión e que foi aprobada tanto na súa ratificación de urxencia como na votación cos votos do PP, BNG, ADEI-O e VER.IN -abstención do PSdeG-PSOE-. Na moción do PP acordouse o seguinte: solicitar ao Delegado de Política Territorial que acepte as demandas dos veciños de Feces de Abaixo e Tamaguelos para a súa inclusión no programa de transporte compartido da Xunta de Galicia TES + BUS, a inclusión do pobo de Queirugás en devandito programa, reunión co alcalde do Concello de Verín para solucionar esta cuestión e que obrigue ás empresas concesionarias de transporte de viaxeiros que percorren o ámbito deses pobos, que manteñan os servizos de autobús que figuran na súa concesión.

- Eliminación da praza de autotaxi que está vacante e a inclusión nos presupostos dos próximos catro anos dunha partida, negociada cos profesionais deste servicio, destinada á amortización doutras tres prazas nos presupostos. Devandita moción presentada polo BNG foi rexeitada na súa ratificación de urxencia polo PP debido á crisis económica na que se atopa o Concello de Verín, herdada do anterior grupo de goberno tripartito.

- Instar ao Subdelegado de Goberno a que investigue que actividades se exercen nos locais de suposto alterne situados no Casco Vello da vila e que se proceda ao seu peche inmediato se se demostra o máis mínimo indicio de irregularidade. Nesta ocasión a moción foi aprobada por unanimidade na súa ratificación de urxencia e posterior votación.

No apartado de rogos e preguntas interviñeron todos os portavoces dos grupos políticos.