Concentración de Maios Enrique Gómez Pato. Festa dos Maios 2009 Imprimir
Xoves, 02 Abril 2009 11:56
Na década dos cincuenta do pasado século, Enrique Gómez Pato percorría as rúas de Verín con efémeras esculturas de madeira recubertas de musgo e plantas silvestres. O carón dos maios ou agochado no seu interior, el e os seus acompañantes cantaban e espallaban unhas coplas que a  veciñanza agardaba pola súa creatividade crítica. En lembranza deste home que lle deu un novo pulo a esta manifestación da nosa cultura popular e para  promover a creación de maios entre as asociacións, institucións e centros de ensino, o Concello de Verín organiza unha concentración de maios artísticos, tradicionais e humanos, con divulgación de coplas cantables, que se rexerá polas seguintes bases:

1ª.- Esta concentración non será competitiva. A esta convocatoria poderán acollerse as asociacións, os colectivos veciñais, as institucións ou os centros de ensino da comarca de Verín que se inscribiren no Negociado de Cultura do Concello de Verín antes das 12 horas do día 24 de abril.

2ª.- Os maios participantes colocaranse antes das 12 horas do día 1 de maio nos lugares que o sorteo lle determine e permanecerán nesa posición até que a organización conclúa o acto. A aqueles grupos que teñan dificultades para desprazar o seu maio, o Concello de Verín facilitaralle os medios para desprazalo. Cada grupo terá permanentemente un mínimo de dous compoñentes seus a carón do maio artístico ou enxebre, para reparto das coplas ou comunicarse coa veciñanza.

3ª.- Os maios que se presenten á concentración poderán ser humanos, artísticos ou enxebres. Agás no caso dos maios humanos, de se presentaren, os maios terán que presentar no exterior na súa totalidade elementos naturais, como musgo, xestas, carrabouxos, flores, madeira, pedra, etc. Tamén é unha obriga que cada maio distribúa impresa na concentración a copla que elaborou e que a divulgue cantándoa os membros do grupo ou a través de reproducións pregravadas.

4ª.- Como axuda para as custas de montaxe, a cada grupo que concorra á concentración e cumpra os requisitos mínimos fixados nestas bases entregaráselle unha cantidade de 225 euros no caso de presentaren como maios tradicionais ou artísticos. Os maios humanos, de concorreren, recibirán 20 euros por persoa, até un máximo de 12 compoñentes.

No caso de que as coplas que se queiran divulgar non leven publicidade comercial, o Concello correrá cos gastos de edición de 1000 copias en formato DIN A4 sobre papel reciclado, sempre que os grupos se acollan ás seguintes condicións previas:

A.- Que a copla, que o colectivo redactor estruturará seguindo unha orde temática, non teña menos de 24 estrofas de catro versos nin supere un número de estrofas que nunha tipografía lexíbel -a criterio do grupo redactor- se poidan reproducir nun máximo de dous DIN A4 impresos a dobre cara.
B.- Que a entrega das coplas no Rexistro de Entrada da Casa do Concello se realice antes das 12 horas  do martes día 28 de abril.
C.- Que o grupo se comprometa a recoller, no día e na imprenta que lle sinale o Concello, 900 exemplares da copla que presentaron.
D.- Que o grupo se responsabilice da autoría do texto impreso. O Concello non realizará ningún tipo de revisión dos textos e aconsella que se coide tanto a estrutura literaria como a corrección idiomática. Para evitar inxerencias que afecten aos textos, a organización agradece que se envíen enmaquetados e por correo electrónico á imprenta que se lle determine.
E.- Que os exemplares impresos, nos que se especificará que son “de distribución gratuíta”, se repartan a partir das 11.30 horas  do dia 1 de maio nesta concentración de maios e despois das 14 horas  onde estime oportuno o grupo que os elaborou.


5ª.- Un xurado de admisión, que comporán os colectivos que participaron na concentración do ano 2008, será o responsable de determinar a aceptación de cada un dos maios que se presenten  ao abeiro desta convocatoria.

A interpretación destas Bases e as decisións sobre calquera extremo non regulamentado son un dereito exclusivo do Concello de Verín