Contacontos, manualidades e videoconferencias no Día Mundial do Libro Imprimir
Martes, 21 Abril 2009 11:54
Con motivo do Día Mundial do Libro, a Biblioteca Pública Municipal de Verín organiza un ciclo de actividades lúdico-culturais, que se iniciou a semana pasada cunhas xornadas para os/as alumnos/as do Colexio Rural Agrupado de Monterrei e conclúe, este venres, cunha visita a Expourense e a asistencia ao partido de baloncesto entre o COB e o Club Palencia Baloncesto.

Na xornada de mañá, 22 de abril, ás 18.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura terá lugar a videoconferencia ‘O río dos Gafos de Pontevedra, flora e fauna dun río galego’, de Gonzalo Sancho, presidente da Asociación Vaipolorío de Pontevedra. Nesta mesma actividade participarán membros de diferentes asociacións da comarca de Monterrei, como Cultural do Camiño, para analizar as diferentes especies botánicas e fauna existente nos ríos galegos.

O día 23 de abril, de 18 a 19.30 horas, a Biblioteca Municipal acollerá a realización de contacontos, obras de teatro e manualidades para nenos/as, con idades comprendidas entre os 3 e 10 anos.