Modificación das ordenanzas reguladora e fiscal do aparcadoiro de vehículos na vía pública Imprimir
Venres, 24 Abril 2009 11:07

No Pleno Ordinario do próximo luns 27 de abril, tamén se abordarán a modificación das ordenanzas reguladora e fiscal do aparcadoiro de vehículos na vía pública (ORA). Unha cuestión exposta, tras examinar que a ordenanza reguladora do servizo de ordenación e regulación do aparcadoiro de vehículos na vía pública non permite aos seus usuarios a opción de anular unha multa, en caso de exceder lixeiramente o tempo pagado, ou non poñer ticket polo escaso tempo de permanencia na vía pública.

A primeira delas, servizo de ordenación e regulación da ORA, permitirá, no caso de aviso de denuncia por sobrepasar o tempo de estacionamento permitido -sempre que tempo de exceso non sexa maior de 1 hora (a contar dende a hora fin de estacionamento marcada no ticket-, ao usuario anular a tramitación da denuncia mediante a obtención nas mesmas máquinas expendedoras, dun segundo ticket especial de ‘exceso’ no que constará a hora da súa expedición. Este ticket post-pagado, xunto co primeiro e co aviso de denuncia, serán introducidos nun pequeno sobre na caixa situada en cada aparello expendedor.

No caso de aviso de denuncia por non ter ticket de estacionamento -sempre que non sexa maior de 30 minutos (a contar dende a hora da denuncia)-, o usuario poderá anular a tramitación da denuncia mediante a obtención nas mesmas máquinas expendedoras, dun segundo ticket especial de ‘anulación’ no que constará a hora da súa expedición. Ao igual que no caso anterior, será introducido nun sobre pequeno na caixa do aparello expendedor.

Na segunda ordenanza, a fiscal reguladora da taxa polo aparcadoiro de vehículos na zona ORA, a tarifa que se aplicará por devandito aparcadoiro será de 0,10 euros/hora. Pola anulación de sanción por sobrepaso do tempo aplicarase a tarifa única de 1 euro; e pola anulación de sanción por carecer ticket, a tarifa única será de 3 euros.