O Concello de Verín e R asinan un convenio para despregar a rede de fibra do operador galego Imprimir
Venres, 05 Xuño 2009 10:44
O Concello de Verín e R asinaron un convenio marco no que se establecen as condicións para o despregamento da rede de fibra óptica do operador galego na localidade.

A compañía R prevé levar os servizos integrados de teléfono, internet de alta velocidade, televisión dixital e móbil R a uns 6.500 fogares e locais empresariais de Verín. Cun investimento aproximado de 4,95 millóns de euros, R precisa agora das licenzas pertinentes para a realización das tarefas de canalización e despregamento de fibra nas rúas do núcleo urbano. De contado desenvolveranse algúns treitos de obra civil aproveitando outros traballos de infraestruturas municipais nas rúas Cancelón, San Antón, Tresguerras Melo, Constitución, Canella Cega, Espido, San Pedro e Fernández Álvarez.

A posta en marcha deste proxecto contou coa plena colaboración do ente municipal que, dende o inicio, manifestou o seu interese por situar a súa poboación ao máis alto nivel en canto á dotación das infraestruturas tecnolóxicas, así como por facilitarlles aos seus cidadáns o acceso a todos os servizos da Sociedade da Información.

Grazas á nova rede de fibra óptica, os habitantes de Verín disporán de chamadas gratis a todos os fixos estatais e de internet de alta velocidade constante por fibra óptica, que ten duplicado para todos os clientes dende o ano pasado (ata 12 megas). Ademais, o servizo de televisión dixital interactiva de ofrecerá calidade de imaxe e son dixitais por fibra óptica, máis de 80 canles, guía e miniguía electrónicas de programación e múltiples posibilidades de interactividade; e o servizo de móvil, chamadas gratis a móbiles de calquera operador dende o teléfono fixo para todos os seus clientes de televisión dixital e gratis a móbiles R para todos os seus clientes.