O Festival Via Stellae organiza en Verín dous concertos da súa cuarta edición Imprimir
Mércores, 01 Xullo 2009 11:33
Verín acolle dous concertos desta edición 2009 do Festival Via Stellae que promove a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Ambos terán lugar, coa colaboración do Concello de Verín, senllos venres do mes de xullo na Igrexa dos Mercedarios. Protagonistas do primeiro son o tenor Juan Sancho e o grupo Ars Atlántica que dirixe o arpista compostelán Manuel Vilas (fundador desta agrupación que actuou por primeira vez en público o ano pasado no Festival Via Stellae) e que presentan en Verín (venres 3 de xullo) a segunda entrega da recuperación que Manuel Vilas está a facer do Manuscrito Guerra: colección de tonos humanos que se conserva na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago e que a prestixiosa multinacional Naxos comezará a publicar proximamente en colaboración co Via Stellae. O segundo concerto é un recital do guitarrista Marcos Díaz (nado en Brasil pero que reside en Ourense dende a súa mocidade) que baixo o título “A guitarra a través do tempo” interpretará un variado programa con obras de Sor, Bach, Rodriguez, Schubert e Barrios na Igrexa dos Mercedarios de Verín (venres 17 de xullo).