2ª Edición de “Un río de tapas … por Verín” Imprimir
Luns, 03 Agosto 2009 11:03
Desde o día 1 ata o 31 de agosto, a vila ourensana de Verín acollerá a segunda edición da ruta gastronómica “Un río de tapas”. En devandita ruta, organizada polo Concello de Verín en colaboración con Aecom, participan un total de 12 establecementos da localidade que ofertarán unha ou dúas tapas propias, por un prezo de 1 euro.

Os verinenses e visitantes poderán degustar, en horario de tarde-noite, un total de 17 tapas salgadas, entre as que se atopan: Patacas campesinas con xamón e ovos de codorniz, Lacón trufado con crema de grelos, Txistorra con ovos de codorniz, Chocos na súa tinta, Os irmáns: “bacallau e pemento”, Alas de polo, Mexillóns á vinagreta, Patacas bravas ou Morro de tenreira con champiñóns, entre outras.
      
Todos os que desexen participar nesta actividade deberán levar un “Pasaporte”, persoal e intransferible, onde os establecementos porán o seu respectivo selo no momento que o consumidor abone o importe da tapa. Este “Pasaporte”, gratuíto, debe solicitarse na Oficina de Turismo de Verín (Casa do Escudo) ou nalgún dos establecementos participantes.

A persoa que consiga completar todos os selos de pasaporte, e previa entrega no Rexistro da  Casa Consistorial, en horario de 9 a 2, ata o día 4 de setembro, entrará no sorteo dunha cea para dúas persoas a elexir en calquera dos establecementos participantes. O gañador será nomeado “Tapeir@ Maior 2009” e formará parte do xurado, composto tamén polo Presidente da Asociación de Empresarios de  Hostelería da Comarca de Monterrei “AECOM” e o Director do Parador de Turismo de Monterrei para a elección da “Mellor Tapa” do concurso, a máis orixinal e exquisita, que á súa vez recibirá tamén un premio dunha fin de semana para dúas persoas  en réxime de aloxamento e almorzo nunha casa de turismo rural, concedido por AECOM.

Os establecementos participantes son os seguintes: Café Bar Helvético, Restaurante María Toxiña, Restaurante Cafetería O Meu Lar, Cafetería Restaurante Alambique, Cafetería O Aturuxo, Restaurante Os Catro Lobos, Café Bar Parada, Restaurante O Castelo, Restaurante San Antón, Café Restaurante A Fonte, Cafetería A Dorna, e Taberna Lizarrán.