Verín participa na campaña do ‘Condutor Alternativo’ Imprimir
Venres, 07 Agosto 2009 10:09

A campaña do ‘Condutor alternativo’, posta en marcha polas Direccións Xerais de Xuventude e Voluntariado e de Mobilidade, que ten como obxectivo a sensibilización da mocidade baixo a máxima “un 0% de alcohol ao volante e a aposta polo condutor alternativo” trasládase este fin de semana a Verín. 

Esta iniciativa, coa que colabora o Concello de Verín e as asociacións xuvenís As de Folk e Mocidade Galega, xurde co obxectivo de tentar reducir os accidentes de tráfico entre os máis mozos. Neste senso, o último informe “Documento Marco sobre Sinistralidade na Rede de Estradas de Galicia” reflexa que o 26% das alcoholemias positivas entre as vítimas mortais danse en mozos de entre 18 e 30 anos. Os sábados, seguidos dos venres e domingos, é onde se concentran a maior parte dos accidentes.

Por iso, e ante o alto número de accidentes graves que teñen como factor determinante o alcol, as Consellería de Traballo e Benestar e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas decidiron colaborar para poñer en marcha medidas activas e continuadas.


A actuación contará coa presenza de mozos e mozas de asociacións xuvenís que, nos propios lugares de ocio nocturno, lembrarán a máxima de 0% alcohol cando se conduce, e situarán un triángulo enriba dos coches co lema “Libre de alcol” co fin de lembrarlle aos condutores a recomendación de non coller o coche. A presenza destes mozos será desde as 00.00 horas ás 04.00.

Esta campaña tamén animará ós porteiros e camareiros dos locais de ocio nocturno a utilizar a imaxe da campaña, colocaranse carteis e tamén se distribuirán camisetas e outros material publicitario entre os mozos e mozas que participan na movida.


A campaña ‘Condutor Alternativo’ tamén ten presenza na web, a través da páxina www.condutoraltrenativo.org e das redes sociais Tuenti e Facebook, onde os usuarios se poden sumar a esta acción e conseguir camisetas gratis.


Esta campaña de verán para a prevención de accidentes de tráfico entre a mocidade supón un punto de partida da Xunta para desenvolver ao longo de todo o ano “unha acción potente e decidida sobre esta importante problemática xuvenil”.