O IES García Barbón renova integralmente a súa biblioteca Imprimir
Mércores, 24 Marzo 2021 12:18

 A biblioteca, como lugar de traballo, estudo e investigación, ocupa un  espazo esencial dentro dun centro educativo. Por este motivo, resulta importante a súa organización e xestión, así como a súa dinamización, co fin de atraer usuarios e usuarias a unha estancia que resulte agradable, atractiva e eficiente.

A renovación integral experimentada pola biblioteca do IES García Barbón persegue este propósito. Por unha banda, o espazo gañou en atractivo e funcionalidade, grazas as paredes pintadas de branco, ao novo mobiliario máis accesible e de cores neutras, á reforma das fiestras, que proporciona máis luz e illamento, e a iluminación, feita a partir dun estudo profesional, tendo en conta a finalidade do lugar. Por outra banda, o alumnado e o profesorado teñen máis de seis mil obras a súa disposición, colocadas en andeis á altura da vista. Os fondos inclúen obras de ficción e non ficción en galego, castelán e inglés, ademais de banda deseñada, CD de música, DVD de películas e xogos didácticos. Paralelamente, contamos con amplas mesas de estudo que posúen enchufes integrados para o uso de dispositivos electrónicos, ademais dunha mesa específica para xogos e un recuncho lector formado por dúas confortables cadeiras de brazos e unha pequena mesiña central.

Dende o punto de vista da dinamización –que coordina Carmen Manzano Rovira-, dende a Biblioteca do IES García Barbón lévanse a cabo unha serie de liñas de actuación destinadas a fomentar a lectura e inserir a biblioteca na vida escolar normal do alumnado como espazo de estudo e traballo, de aprendizaxe e convivencia. Para iso, dáse a coñecer dende o principio do curso o seu funcionamento e recursos dispoñibles; créanse actividades, exposicións e concursos ao longo dos trimestres que impliquen aos/ás estudantes; amplíase o fondo con novidades en libros, xogos e banda deseñada atractivos; faise publicidade das actividades e lecturas nas redes sociais; créanse espazos temáticos con material sobre Igualdade, Mindfulness, e proximamente, de Neuroeducación; implicando deste modo á biblioteca nos distintos proxectos de formación que se desenvolven no centro.