Mellora do sistema de iluminación no barrio Primeiro de Maio e implantación do sistema de aforro enerxético Imprimir
Venres, 23 Outubro 2009 12:49

O Concello de Verín inicia as obras de mellora do sistema de iluminación e implantación do sistema ComputerCraft para o aforro enerxético no barrio Primeiro de Maio.

Esta actuación, tal e como se lle prometera dende o grupo de goberno aos veciños deste barrio verinense, permitirá substituír 81 puntos de luz actuais, “que se atopaban deteriorados e que non se modificarán dende a construción destas vivendas”, tal e como recoñece o rexedor, Juan Manuel Jiménez Morán. Con todo, a implantación deste sistema de iluminación permitirá “non só mellorar a calidade e optimizar o alumeado no barrio Primeiro de Maio, como xa se fixo noutras zonas de Verín, senón tamén reducir o importe da factura eléctrica do Concello de Verín, continuando coa nosa política de aforro posta en funcionamento desde o inicio desta lexislatura, e que xa nos permitiu recoñecer facturas impagadas do anterior grupo de goberno”. A implantación do sistema ComputerCraft de Esinor permite o aforro de ata un 60% de enerxía na rede de alumeado público, a existencia de control remoto de cada un dos puntos de luz dende un ordenador -utilizando tecnoloxías móbiles de comunicacións-, coñecer o estado de funcionamento de cada un dos puntos de luz -de forma remota- e detectar de forma anticipada e remota as avarías na rede de alumeado.

A realización destas obras de mellora revela “a preocupación deste Concello polos veciños e veciñas do barrio Primeiro de Maio”, situado onde o Hospital Comarcal de Verín, “no que xa se realizaron numerosas actuacións para promover a mellora de infraestruturas de saneamento e abastecemento, así como a construción dun parque infantil para os nenos e nenas da zona”, asegura Jiménez Morán.