A compañía Sarabela representa en Verín a obra “A lingua das bolboretas” Imprimir
Mércores, 02 Xuño 2021 12:41

 O vindeiro 20 de xuño, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal de Verín acolle a representación teatral da obra “A lingua das bolboretas”, baseada nunha historia de Manuel Rivas e dirixida por  Gonçalo Guerreiro. As entradas, que xa están á venda en www.ataquilla.com, teñen un prezo de 5 euros.

O espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento da realidade e o respecto cara o próximo) e é testemuña tamén da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

A través da entrañable relación que manteñen o mestre, don Gregorio, e o neno, vaise descubrindo paulatinamente ante o espectador a beleza daquelas realidades cotiás que pasan inadvertidas (como o mundo dos insectos), facendo partícipe ao receptor da historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas.

Elenco: Fran Lareu, Fernando Dacosta, Fina Callelja, Sabela Gago, Josito Porto e Elena Seijo