O Concello de Verín únese ao “apagón” para concienciar sobre o cambio climático Imprimir
Xoves, 03 Xuño 2021 18:56

 Un total de 23 concellos socios Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entre o que se encontra o Concello de Verín, uniranse este sábado, 5 de xuño, ao “apagón” convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente. A partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, igrexas, torres e outros monumentos co fin de concienciar sobre o consumo enerxético. A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.

Aínda que o consumo eléctrico en Galicia caeu un 5,8% no ano 2020, tratouse dun descenso coxuntural debido á paralización da actividade por mor da Covid-19, de aí que cumpra seguir fomentando o aforro de enerxía para evitar o impacto ambiental que supón producila. Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional no fogar, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos.


En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a protexer os ecosistemas, que é o tema no que este ano se centra o Día Mundial do Medio Ambiente, baixo o lema ‘Reimaxina, rexenera, restaura’. Ademais, o “apagón” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se impulsarán nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’ e que van desde accións de rúa como o flashmob e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, retos virais, etc. Búscase así contribuír a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas e, en especial, ao ODS 13: adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos.


O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido uns 170 proxectos en 32 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.


Listaxe de concellos adheridos ao “apagón” ambiental

A Laracha

Praza do Concello

Ames

Casa do Concello e Praza do Concello

A Pobra do Caramiñal

Casa do Concello

As Pontes de García Rodríguez

Casa do Concello

Barreiros

Casa do Concello

Boiro

Casa do Concello e Casa da Cultura

Cabanas

Casa do Concello

Caldas de Reis

Casa do Concello

Cambre

Igrexa de Santa María e contorna

Cariño

Casa do Concello

Fene

Casa do Concello

Miño

Monumento dos Andrade, Igrexa de San Xoán de Vilanova e Praza do Parchís

Moeche

Xardíns da Casa do Concello

Narón

Pazo da Cultura

Nigrán

Por definir

O Barco de Valdeorras

Torre do Castro

Pontedeume

Torreón dos Andrade

Pontevedra

Casa do Concello

Redondela

Multiusos de Chapela

Tomiño

Casa do Concello

Verín

Casa do Concello e Praza do Concello

Viana do Bolo

Torre da Homenaxe

Viveiro

Porta de Carlos V e Igrexa de Santa María