Cesión do Castelo de Monterrei á Comunidade Autónoma de Galicia Imprimir
Venres, 23 Outubro 2009 12:51

O alcalde de Monterrei, José Luis Suárez Conde, e o de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, compareceron en rolda de prensa para anunciar a cesión gratuíta á Comunidade Autónoma de Galicia do castelo e recinto amurallado de Monterrei.

Unha cesión destinada a Centro de divulgación, innovación e promoción do viño e augas medicinais da comarca, restauración e musealización dos edificios e arquivo das tradicións da fronteira e pobos próximos; e que foi comunicada polo Ministerio de Economía e Facenda á Secretaría Xeral para o Turismo.

Esta actuación únese á anunciada no Consello da Xunta de Galicia na que se autorizaba a subscrición dun convenio de colaboración entre a consellería de Cultura e Turismo, a través da súa Secretaría Xeral para o Turismo, e os concellos de Monterrei e Verín para o reacondicionamento do Camiño Real que conduce a esta acrópole por un importe total de 467.711,56 euros.  Un camiño que se atopa entre os concellos de Verín e Monterrei e foi construído entre os séculos XVI e XVII. Dentro do conxunto merece unha especial atención o castelo de Monterrei, un conxunto fortificado no que asentaron liñaxes de familias como os Ulloa, Zúñiga, Fonseca ou os Duques de Alba, e que foi enclave estratéxica dende a Idade Media na fronteira de Portugal.  

Esta obras, que comezarán no barrio de San Lázaro de Verín, pasando O Caserío cara o Castelo de Monterrei, rematarán coa dotación cunha iluminación que permitirá o tránsito nocturno na vía así como a súa revalorización como parte integrante dos accesos ao castelo. O orzamento que ascende a 467.711,56 euros se desgregará en dúas anualidades: 100.000 euros no ano 2009 e 367.711,56 no 2010; e será financiado a través do Plan FEDER.  

Ambos rexedores amosaron a súa satisfacción ante ambas novas argumentando, segundo indica Jiménez Morán, que “estas dúas actuacións revelan a importancia que se lle concede á comarca de Monterrei por parte da Xunta de Galicia e da Secretaría Xeral para o Turismo, en particular”, xa que “permitirán potenciar o turismo nesta zona e apostar por o reequilibrio territorial no interior de Galicia”.