Acordo unánime no ditame da comisión de control do proceso selectivo da contratación do traballador/a social Imprimir
Xoves, 17 Xuño 2021 14:42

 A Casa do concello de Verín acolleu esta mañá a última reunión da comisión de control encargada de revisar o proceso selectivo municipal para a contratación laboral temporal dun traballador ou traballadora social para o Servizo Municipal de Dependencia. Na mesma acordouse por unanimidade convocar novamente a praza do  SAAD e a elaboración, por parte do órgano competente, dunhas novas bases específicas.

A Comisión, formada por representantes dos sindicatos e do  Concello de Verín, toma dita decisión tendo presente que o pasado 15 de xuño tivo entrada no rexistro xeral do  Concello de Verín un escrito de formulación de renuncia a continuar no devandito proceso por parte da única aspirante que continuaba no mesmo, quedando deserta a adxudicación da praza convocada.

Os membros da comisión de control, na súa totalidade, tamén quixeron destacar que «a transparencia e obxectividade» estivo asegurada nos traballos realizados pola comisión «desde a primeira ata a última das súas sesións».

Por este motivo, a comisión acordou por unanimidade propoñer ao órgano municipal competente (Concellería de Recursos Humano e Réxime Interior) a realización dunha nova convocatoria da praza de traballador ou traballadora social para o Servizo Municipal de Dependencia (SAAD) e elaborar unhas novas bases específicas para a devandita praza, que serán ratificadas pola parte sindical nunha nova comisión de control.

De acordo coa base undécima das bases Xerais reguladoras para a contratación do persoal laboral temporal no  Concello de Verín este ditame da comisión celebrada hoxe ten carácter preceptivo pero non vinculante, sendo a Resolución do órgano administrativo competente (decreto da concellería de Recursos Humano e Réxime Interior) a que outorgará validez final ao devandito acordo.