A actuación musical “Piperegrinos” trasladarase ao Auditorio debido as malas previsións meteorolóxicas Imprimir
Xoves, 28 Outubro 2021 11:43

 A actuación musical “Piperegrinos”, programada para o vindeiro domingo 31 de outubro ás 12:00 horas na Praza Maior, trasladarase ao Auditorio Municipal de Verín debido ás malas previsións meteorolóxicas, que anuncian choiva.

Promovido pola Xunta de Galicia no marco da celebración do Xacobeo 2021-2022, trátase dun espectáculo musical itinerante que por primeira vez reúne no mesmo escenario a destacados gaiteiros da Península Ibérica cunha longa e recoñecida traxectoria artística profesional. O programa incluirá a participación de 6 intérpretes de gaita que actuarán en formacións trío e dúo, coa participación de 17 músicos.

“Piperegrinos, as gaitas do Camiño” resalta a importancia da gaita como instrumento representativo das culturas europeas ao tempo que invita aos espectadores a unha viaxe sonora a través das diferentes gaitas ibéricas, coas que representar o importante intercambio cultural que se produciu nos distintos camiños de peregrinación a Santiago.

Trátase ademais, dun espazo de difusión e posta en valor das diferentes gaitas ibéricas e dos seus repertorios nun formato actual achegado á música folk e dirixido a todos os públicos, no que tamén ten cabida o público especializado.

Neste sentido, este acontecemento situará a Galicia como punto de referencia do encontro e convivencia das gaitas ibéricas, que potencia a presenza de gaiteiros galegos e foráneos na escena musical do noso país e propicia sinerxías e alianzas para futuras colaboracións artísticas.