O Concello de Verín instalará paneis fotovoltaicos en oito dos seus edificios municipais Imprimir
Venres, 29 Abril 2022 12:56

 O  Concello de Verín instalará paneis fotovoltaicos en oito dos seus principais edificios municipais. En total, o ente municipal investirá 118.787,29 euros nas instalacións, esperando percibir dos fondos europeos Next Generation practicamente o 50 por cento do investimento (53.720 euros).

Segundo confirmou o alcalde Verín, Gerardo Seoane, a Casa Consistorial, o Pavillón Municipal de Deportes, os CEIP Princesa de España e Amaro Refojo, A Biblioteca, o centro de día  Solleira, o Pavillón da Granxa e o Auditorio Municipal, serán os edificios públicos elixidos para a instalación dos sistemas de placas solares fotovoltaicas «que reducirán de maneira notable o consumo eléctrico, así coma as emisións de CO2, nestas instalacións».

Primeiras concesións recibidas dos fondos Next Gereration

O  Concello de Verín recibiu esta semana as primeiras seis comunicacións de concesión de axudas financiadas cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia promovido polo Goberno de España, por un valor de 42.720 euros.

Así pois, o Concello de Verín comezará coa execución das obras de instalación dos paneis fotovoltaicos na Casa Consistorial, Pavillón Municipal de Deportes, CEIPs Princesa de España e Amaro Refojo, Biblioteca e o centro de día  Solleira; quedando á espera de recibir, nos próximos días, as dúas resolucións das concesións restantes para executar os traballos no Pavillón da Granxa e no Auditorio Municipal.