O Concello de Verín colabora con Gadis na campaña ‘Versos na rúa’ destinada a visibilizar autores galegos ilustres Imprimir
Luns, 16 Maio 2022 09:23

Supermercados Gadis é a responsable dos versos que, dende o pasado mes de abril, comezaron a aparecer escritos en 220 pasos de peóns, muros e fachadas de 50 edificios de diversas localidades galegas, entre as que se encontra Verín. O seu obxectivo foi poñer o foco na cultura galega sumando unha nova acción, ao fío do Día das Letras Galegas, levantando a expectación e espertado o interese dos veciños, que se atopaban nas rúas das súas vilas con esta acción sorpresa.



Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Xohana Torres, Uxío Novoneyra, Manuel Antonio, Lois Pereiro e Xosé Neira Vilas, oito autores de épocas diferentes e moi representativos das nosas letras, foron os escollidos para reproducir os seus textos na acción “Versos na rúa”.  A intención é que os cidadáns teñades a oportunidade de coñecer e disfrutar desta selección de pezas da literatura galega na vosa vida cotiá.

Entre os dez versos que podedes ler, atópanse o significativo “Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén”, de Neira Vilas, “No xardín unha noite sentada, ó refrexo do branco luar”, de Curros Enríquez, “Os bos e xenerosos a nosa voz entenden”, de Eduardo Pondal ou “Chove para que eu soñe...” de Uxío Novoneyra.

Unha ruta polas letras galegas que podedes seguir, ademais de en Verín, por outras doce localidades: A Coruña, Lugo, Ourense, Betanzos, Carballiño, Foz, Muros, O Barco, Ordes, Ribeira, Sarria e Viveiro. Tamén é posible transitar dixitalmente a través do site habilitado gadisletrasgalegas.gal e nos perfís de redes sociais @versosnarua.   As localizacións das “pintadas”: https://bit.ly/versosruamapa

Adhesivos vinílicos nos Gadis

Hoxe luns 16 de maio, en todos os Gadis de Galicia regalaran, ata fin de existencias, 80.000 adhesivos vinílicos coa selección de versos que se reproduciron nas rúas para dar maior visibilidade e potenciar o coñecemento destes autores entre os nosos miles de clientes.

Homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán

Desde Supermercados Gadis tamén queren render homenaxe ao autor a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas repartindo na mesma data 30.000 marcapáxinas e 30.000 bolsas de papel reciclado cunha imaxe de Florencio Delgado Gurriarán.