Praceres sonoros – Homenaxe a Ángel Barja Imprimir
Venres, 13 Novembro 2009 14:34

O Concello de Verín en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense organiza, entre o 14 de novembro e o 12 de decembro, un ciclo-homenaxe a Ángel Barja Iglesias, que foi o músico sobranceiro dos nacidos na comarca de Verín e un dos compositores galegos máis importantes do século XX. Compositor con máis de cincocentas obras en catálogo, obtivo, entre outros, o Premio Nacional de Composición (1972 e 1984), o Premio Internacional de Composición (1972 e 1981), o Premio Cristóbal Halfter (1982) e o Premio Internacional da Real Academia de Bellas Artes de Granada (1985).

A Casa da Cultura acollerá o ciclo Praceres Sonoros – Homenaxe a Ángel Barja catro concertos, os sábados 14, 21 e 28 de novembro e 5 de decembro, nos que os protagonistas serán Os Tres Tenedores, alumnos do Conservatorio, o cuarteto de corda Rock de Cámara e unha ducia de Xovenes Intérpretes Verinenses. O ciclo clausurarase o sábado día 12 de decembro coa actuación da Capela Madrigalista de Ourense na igrexa da Mercé, un acto patrocinado pola Deputación ourensá.

Mañá sábado día 14, ás 19 horas, o grupo Os Tres Tenedores presenta na Casa da Cultura “Ensalada de instrumentos”,  unha creación para público infantil e familiar do xénero comedia e canción infantil. Espectáculo divertido e didáctico, serve para aproximar ao público aos aspectos máis relevantes da música, como poden ser a clasificación dos instrumentos, os diferentes estilos musicais, tanto históricos como actuais, ou o respecto polas diferentes culturas, entre outros aspectos. Os Tres Tenedores é unha agrupación formada por musicólogos e profesores de música con ampla experiencia como intérpretes e docentes, especializados na divulgación musical.