Os mozos e mozas verineses poderán ir de campamento ás Fragas do Eume Imprimir
Mércores, 10 Agosto 2022 10:23

O Concello de Verín prepara un campamento para a mocidade do 29 de agosto ao 3 de setembro. Será en Alvarella Ecoturismo, un albergue ecolóxico sito en pleno parque natural das Fragas do Eume. A estancia plantexárase nun principio no Parque Natural do Invernadeiro, quedando cancelada polo grave impacto dos incendios forestais na zona.


Ao campamento poderán anotarse rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos, empezando o prazo de inscrición a partir de hoxe 10 de agosto, de xeito presencial, na Casa de Xuventude. As solicitudes aceptaranse por orde de presentación e pagamento ata cubrir as 30 prazas. A cota da estancia é de 165 €, para os rapaces e rapazas empadroados no Concello de Verín, e 195 € para os non empadroados. O prezo inclúe a manutención en réxime de pensión completa, así como os materiais necesarios para as actividades. Ademais contén un seguro de responsabilidade civil e accidentes, así como atención sanitaria se fose necesaria.

O plan do campamento inclúe unha gran cantidade de actividades variadas que aproveitan o enclave natural do albergue. Practicaranse deportes como kaiak, escalada e tiro con arco, así como tamén actividades que requirirán o uso do sentido da orientación dos rapaces e rapazas. Outros exercicios serán slackline (paso por cinta tensa) e raid (combinación de dous deportes de resistencia). Tamén participarán en visitas culturais e lúdicas, como roteiros polo parque natural ou un paseo polo Castelo de Andrade.

Por outra parte haberá tempo para o lecer: poderán descansar e divertirse na praia ou na piscina do albergue. Outras actividades serán a estampación de camisetas ou vivac (acampada libre) no bosque. Ademais, moitas das comidas e ceas tomaranse de pícnic en excursións ou na praia. Polas noites, os mozos e mozas participarán nas chamadas veladas, tempo para falar, xogar, contar historias e coñecerse mellor. A última noite antes de marchar organizarán unha gran festa de despedida.