Músicas tradicionais de todo o mundo resoarán en Verín nas XXXVII Xornadas de Folclore Imprimir
Xoves, 11 Agosto 2022 13:05

 A música de raíz doutros lugares do mundo chega a Verín da man das XXXVII Xornadas de Folclore. Serán músicos e intérpretes de Colombia, México e Timor os que actuarán na vila, traendo ritmos tradicionais dos seus países de orixe. Este espectáculo único terá lugar o luns 15 de agosto ás 22:30 na Praza García Barbón.

Dende Colombia visítanos a Compañía Internacional de Danza Paipa, que presentará un concerto composto por bailes de orixe caribeña, andina, do Pacífico, das Antillas e da Amazonía. As súas actuacións caracterízanse polo colorido vestiario e os alegres ritmos do conxunto musical.

México tamén estará presente na vila do Támega mediante o grupo de Ballet Folklórico do Instituto Tecnológico de Celaya. Dende 1974 buscan difundir e preservar a danza tradicional mexicana, ademais de levar polo mundo as raíces da identidade nacional.

Xornadas de Folclore

Estas actuacións enmárcanse nunhas Xornadas de Folclore organizadas pola Deputación de Ourense. Grupos de moitos outros países percorrerán a provincia parando nas principais vilas e na capital. Desde a organización insisten en que é unha das citas culturais máis agardadas polos cidadáns das vilas de Ourense e celebran que este festival encha a provincia de culturas tan diversas.