As axudas por zona catastrófica son concedidas a Verín polos incendios de xullo e agosto de 2022 Imprimir
Mércores, 24 Agosto 2022 07:33

O Consello de Ministros aprobou a concesión de axudas a Verín polos danos provocados polos incendios forestais de xullo e agosto de 2022. O concello solicitara ao Ministerio do Interior a declaración de Zona Afectada Gravemente por Emerxencias de Protección Civil (zona catastrófica) no municipio. A declaración esta á espera de ser aprobada, mais o Ministerio do Interior conta cun procedemento rápido para casos de emerxencia coma este, mediante o cal as axudas chegan de xeito máis urxente.


Segundo a carta do ministerio recibida polo concello, dito procedemento axilizado para a concesión de subvencións xa está en marcha. O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte do fin catástrofe, cun periodo máximo dun mes a partir desde día. Os solicitantes poderán facelo en condición de particulares, unidades familiares, empresas e comunidades de veciños.

As solicitudes serán presentadas de maneira online a través do enderezo electrónico do Ministerio del Interior. No caso de ser os solicitantes particulares, poderán tamén pedir as axudas de xeito físico en papel mediante un documento que o Concello de Verín porá a disposición dos cidadáns. Deberá ser cumprimentado e enviado a través do rexistro da Subdelegación do Goberno ou do propio concello.

Tamén o Concello de Verín, segundo a lei reguladora deste tipo de axudas e emerxencias, poderá acollerse como entidade a subvencións para a recuperación dos danos.