Os mellores escaparates de cinema de Verín, premiados nunha iniciativa conxunta promovida polo FIC Vía XIV e AEVER Imprimir
Mércores, 07 Setembro 2022 12:22

Ao igual que en anos anteriores, a celebración do Festival de Curtas de Verín trouxo consigo unha serie de iniciativas destinadas a promover o desenvolvemento económico e comercial da vila durante a semana do certame. Neste marco, a Asociación Cultural Vía XIV e AEVER convocaron o concurso “Escaparates de cine”, no que participaron seis negocios locais, que engalaron as súas vitrinas e os seus espazos interiores con motivos relacionados coa sétima arte.

Esta mañá, coñecéronse os resultados deste concurso, que distinguiu en primeiro lugar a Asubío Tenda, con oito votos. No segundo posto, clasificouse Noisiness Verín, con sete votos, e a terceira posición foi para Santiveri Verín-Xinzo, que obtivo cinco votos do xurado. Estes establecementos recibiron cadanseu premio de 150, 75 e 50 euros respectivamente.

Agradecemento

O director do FIC Vía XIV de Verín, Carlos Montero, quixo agradecer a implicación de todos os negocios e comercios que participaron na iniciativa e, “moi particularmente a AEVER por continuar apoiando o noso festival e impulsando actividades relacionadas co cinema durante a semana do FIC tal e como foi a actividade Sopa Cómica dirixida a fomentar que a cativada de Verín e comarca se familiarizase co cinema”.