O Concello de Verín participa por segundo ano consecutivo na iniciativa de “voluntariado sénior” promovida pola Xunta de Galicia Imprimir
Venres, 28 Outubro 2022 12:10

Verín, 28 de outubro de 2022. Por segundo  ano consecutivo o Concello de Verín solicita a subvención do “Voluntariado Sénior” ofertada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Este proxecto, denominado "Avanzando cara un futuro mellor", ten como finalidade contribuír a mellorar a calidade de vida dos maiores, realizando actividades orientadas a eliminar estereotipos, creando unha imaxe máis social e dinámica.



Nesta iniciativa, organizada polo departamento de Oficina Xuventude (voluntariado) e o departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín, participaron un total de oito “voluntarios sénior” que apoiaron o traballo que realizan os técnicos da área de Servizos Sociais municipais, e do que se benefician mais de 650 persoas.

Onte pola tarde, os “voluntarios sénior” estiveron no Centro de Día de Verín “Solleira” para participar nunha divertida sesión de pasapalabra onde os nosos maiores responderon as palabras do rosco, terminando cunha merenda. Neste xogo, centrado no ámbito rural, participaron tamén Rosario Rodríguez, concelleira de Persoal e Réxime Interior, e Eugenio Quintas, concelleiro de Sanidade Servizos Sociais e Igualdade.

Ademais, no marco desta iniciativa tiveron lugar as seguintes actividades:

- Programa de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas: O voluntariado axudou nas tarefas de recibir, clasificar e empaquetar todos os produtos que posteriormente son repartidos para aquelas persoas que os necesitan.

- Maiores pola Igualdade: A combinación de idade e xénero fan máis vulnerables ás mulleres maiores. O obxectivo principal desta actividade foi sensibilizar ás persoas maiores sobre a desigualdade de xénero e as súas consecuencias.

- Os meus ollos son os teus: O voluntariado acompañou ás persoas maiores en actividades como:

  • Vou ler contigo: actividades enfocadas a reforzar a memoria lendo libros para aumentar a creatividade e imaxinación, sensación de benestar, entretemento, aumentar a capacidade de concentración, etc.
  • Os saberes dos nosos maiores: O voluntariado fixo unha recolección de refráns populares galegos e receitas tradicionais das avoas.
  • Xogos de memoria: xogos de mesa (dominó e cartas), quebracabezas, completar frases, encontrar ás diferencias, etc.