Concello de Verín e Denominación de Orixe colaborarán no Centro de Divulgación do viño de Monterrei Imprimir
Luns, 03 Abril 2023 09:21

O futuro novo escaparate ao mundo dos viños de Monterrei contará con  500 m2, no que será o Centro de Difusión do Viño de Monterrei, na antiga adega de Recaredo Romero, nas traseiras do edificio modernista do mesmo nome.  O recén nomeado presidente da DO, Jonatás Gago, e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, visitaron o espazo adquirido a semana pasada para comezar a traballar no proxecto.


Ambas institucións anunciaron que proximamente asinarán un convenio de colaboración para traballar conxuntamente no desenvolvemento desde importante proxecto para a comarca, e buscarlle a financiación adecuada a través dos fondos Next Generation. O centro, que terá acceso desde Luís Espada e tamén desde a Rúa Lisa, colaborará co Museo do Viño de Galicia e con varias obras sociais galegas. O Fondo de Cooperación de Rehabilitación da Xunta financia a compra do histórico inmoble

“Actualmente o viño”, afirmou Seoane, “é un dos maiores activos de futuro de Monterrei”, polo que contar cun centro punteiro que explique e difunda o valores das nosos caldos “é unha prioridade e unha obriga para todos os que creen no desenvolvemento da comarca”.

O futuro Centro de Difusión dos Viños de Monterrei estará ubicado nas antigas adegas de Recaredo Romero, nas que se forxou o xermolo da que foi a Cooperativa de Monterrei e, indirectamente, da actual DO. O espazo a acondicionar serán máis de 500 metros cadrados, nos que se perfila o destino para unha gran sala técnica de cata, ademais de espazos para promocionar os caldos.

 

Histórico inmoble

O Concello de Verín adquiriu a semana pasada oficialmente o histórico inmoble, financiado integramente polo Fondo de Cooperación para o Apoio ao Financiamento de Actuacións de Rehabilitación e Conservación do Patrimonio Construído en Concellos de menos de 50.000 habitantes, da Xunta de Galicia, cun crédito para amortizar a sete anos.

O empresario Recaredo Romero foi un pioneiro na modernización do viño de Monterrei, e xogou un papel fundamental na creación da Cooperativa de Monterrei. Agora, a súa adega comercial, ubicada na parte posterior do complexo comercial dos Almacén Recaredo Romero, albergará un pioneiro Centro de Difusión do Viño de Monterrei, dentro do conxunto de instalacións do novo Museo de Verín.

Unha exposición interactiva dos viños de Monterrei, unha moderna sala de cata e presentación de viños e cursos, un espazo adicado aos emprendedores e adegueiros de Monterrei e un espazo mostral, susceptible de converterse en plataforma comercial, serán os eixos dun centro do viño que será punteiro en toda España.

“Os viños de Monterrei son un dos valores do futuro económico da comarca”, afirmou o alcalde, Gerardo Seoane, “e o mellor favor que podemos facerlle desde a capital comarcal e  ensinarllos e explicarllos a todos e cada un dos visitantes que pasan pola vila”.

Neste sentido, o novo centro museístico tentará repetir o éxito da anterior sede na Mercé, que propiciou máis dunha ducia de exposicións sobre a orixe do viño en Monterrei, os seus identificadores aromáticos, técnicas de cata e cursos da Universidade Nacional a Distancia, logrando unha ampla afluencia de público e varias nominacións a premios e citas mesmo na revista National Geographic.

O novo museo profundizará na colaboración co Museo do Viño de Galicia para a realización de actividades formativas e de divulgación dos viños de Monterrei, albergando exposicións e cursos que sirvan para ampliar a cultura enolóxica na nosa comarca.

Novo Museo de Verín

O edificio Recaredo Romero proporcionará 1.042 metros cadrados útiles para os novos espazos expositivos de Verín. Logo do exitoso xermolo que supuxeron os primeiros cinco anos co antigo museo ubicado na Mercé, con máis de 33.000 visitantes, o co valor como atractor turístico e difusor da identidade de Monterrei como obxectivo, o novo Museo de Verín comezará a elaborar a súa propia colección de elementos patrimoniais da comarca, para a súa conservación e divulgación no propio territorio.

O novo Museo de Verín comezará unha ambiciosa  recompilación  de pezas patrimoniais da comarca para a súa custodia, exhibición e conservación.  Ademais da colección permanente de patrimonio para conservar a memoria da comarca, os espazos adicados á divulgación gardará un apartado especial á obra de Taboada Chivite, Eloi Lois André e outros investigadores de Verín, difundindo e integrando nos fondos permanentes as súas obras principais e os elementos orixinais susceptibles de seren conservados.

O novo centro, que compoñen dúas salas de exposición na primeira e segunda planta, máis os espazos superiores,  contará 1.042 metros cadrados para a exhibición das colección permanentes e das mostras temporais.  O edificio modernista é unha das xoias do arquitecto Daniel Vázquez Gulías, e a adega posterior, propiedade tamén de Recaredo Romero, impulsor da Cooperativa de Monterrei, forma parte do conxunto arquitectónico.