Técnicos da Denominación de Orixe e do Museo do Viño de Galicia identifican milleiros de documentos clave para a historia de Monterrei no despacho de Recaredo Romero Imprimir
Martes, 18 Abril 2023 11:54

Os investigadores do futuro que se mergullen na historia de Monterrei terán unha axuda imprescindible no arquivo do comerciante Recaredo Romero. Prezos e tipos de uva, censos gandeiros, modelos de propiedade da terra e todo tipo de detalles sobre a historia agraria da bisbarra nas décadas centrais do século pasado son o primeiro tesouro que acaba de entregar aos estudosos da historia o edificio do novo Museo de Verín, recentemente adquirido polo Concello. Técnicos do Museo do Viño de Galicia e da D.O. Monterrei realizaron unha primeira inspección dos mesmos, e desenvolverán agora tarefas de conservación, inventariado e restauración, para polos no futuro ao dispor dos investigadores.


O edificio modernista que albergou desde 1927 os Almacéns Recaredo Romero remata de ser adquirido polo Concello de Verín para sede o seu movo Museo Comarcal. No despacho do comerciante e financeiro agardaba unha sorpresa: varias ducias de tomos de pormenorizada documentación sobre transaccións agrarias, especialmente de viño e gandeiría, dos anos centrais do século XX da comarca de Monterrei, incluíndo os documentos de creación da Cooperativa de Monterrei.

Recaredo Romero foi un dos grandes propietarios de Verín, e en 1965 fundou xunto a outros emprendedores que querían impulsar unha nova dimensión enolóxica na comarca,  a “Cooperativa de Monterrey”, coas mellores instalacións do momento na localidade de Albarellos. En dúas décadas de expansión, chegou a mercar 4 millóns de quilogramos de uva ao ano a 600 viticultores da comarca, constituíndose así no xermolo da actual D.O. Monterrei.

Ademais, mantivo unha importante actividade comercial por toda a comarca, que abarcaba desde actividades gandeiras, financeiras, agrícolas -destacando o viño- e comerciais de todo tipo. Por iso, a abondosa documentación atopada é unha fonte inesgotable de topónimos, prezos, tipos e clases de actividades económicas e do réxime da propiedade de terras e facendas, que pode ser “unha interesantísima fonte de consulta sociolóxica e económica para doutorandos e investigadores do futuro sobre as condicións e evolución da economía agraria da comarca de Monterrei en pleno século XX”, segundo os técnicos.

Agora, a primeira tarefa urxente é consolidar e restaurar os milleiros de documentos para que poidan  cumprir esta función documental. Para iso, o Concello de Verín xa estuda a fórmula de colaboración co Museo do Viño de Galicia, que conta cos especialistas de conservación oficial e instalacións adecuadas para elo, e coa D.O. Monterrei para a súa  preservación.

Museo do Viño de Galicia

Á unha primeira inspección de emerxencia acudiron o director do Museo do Viño de Galicia e o presidente da D.O. Monterrei, César Llana e Jonatás Gago, acompañados de técnicos de conservación da Xunta e o persoal técnico da denominación de orixe. Ante a importancia e amplitude da documentación, acordaron impulsar inmediatamente os mecanismos de colaboración necesarios para a conservación dos milleiros de documentos que agachaba o despacho do comerciante verinés. 

Algúns dos tomos, afectados pola humidade, atópanse nun estado delicado, polo que serán postos a disposición de técnicos de conservación para a súa salvagarda. Gran parte da documentación (libros, actas, documentos económicos, listaxes e todo tipo de descricións) está en bo estado, tal e como constataron os conservadores do Museo do Viño de Galicia, pero necesitan urxentemente tarefas de consolidación e documentación para preservar a súa utilidade.

Precisamente a semana pasada o Concello e a D.O. Monterrei anunciaban a preparación dun convenio para o desenvolvemento do Centro de Difusión do Viño de Monterrei no complexo dos edificios de Recaredo Romero, en cuxa parte posterior está a antiga adega do comercial. Serán máis de 500 metros cadrados destinados á valorizar o viño da comarca, e a ampliar a súa base comercial. Sen dúbida, os documentos agora atopados terán un amplo protagonismo neste espazo.