Música Solidaria en Verín a favor de Cáritas Imprimir
Xoves, 20 Abril 2023 11:37

O vindeiro sábado 22 de abril, ás 19:00 horas, terá lugar o Concerto de Música Solidaria a favor de Cáritas Verín na Igrexa Parroquial de Santa María a Maior de Verín.


Esta mañá tivo lugar a presentación oficial desta iniciativa solidaria no Salón de actos da Casa da Cultura, que contou coa presenza do tenente de alcalde do Concello de Verín, Diego Lourenzo Moura; o director do Conservatorio Profesional de Música de Verín, Miguel Ángel Guerra Dos Santos; o párroco de Verín, José Antonio Rodríguez Cabido e o director da oficina de Caixa Rural de Zamora de Verín, Delfín Pérez Fernández.

Durante a presentación, o tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura, quixo agradecer a Cáritas Verín polo seu gran labor e destacou a importancia que teñen este tipo de iniciativas para axudar ás persoas máis necesitadas da comarca. «Gustaríame dar as gracias a Cáritas polo seu encomiable labor, así como o seu firme compromiso coas persoas máis vulnerables da nosa sociedade».

Pola súa banda, Antonio Rodríguez Cabido agradeceu aos organizadores e colaboradores do concerto polo seu apoio ao labor de Cáritas Verín, «que nos permite seguir ayudando a quienes más lo necesitan».

O director da oficina de Caixa Rural de Zamora de Verín, Delfín Pérez Fernández, destacou a importancia da colaboración entre entidades para axudar á comunidade. «Cremos na importancia da colaboración entre entidades para axudar ás persoas máis necesitadas e estamos moi orgullosos de poder poñer o noso gran de area para que se organice este concerto».

O concerto, organizado polo Conservatorio Profesional de Música de Verín, coa colaboración da Fundación Caja Rural de Zamora e o Concello de Verín, ten como obxectivo recadar fondos en favor de Cáritas Verín mediante a adquisición dunha entrada para acceder a este concerto (que se pode adquirir na propia Igrexa Parroquial na mesma xornada ou previamente nas igrexas Parroquial e Mercé e en mesas situadas en rúas da localidade, por un prezo simbólico de tres euros). As persoas asistentes ao concerto tamén poderán realizar a súa doazón a través dunha urna que estará situada no interior do recinto.

Segundo destacou o director do conservatorio, Miguel Ángel Guerra Dos Santos, o concerto contará cunha selección única de música que abarca tanto temas actuais como clásicos, todos eles interpretados na súa versión sinfónica:

Orquestra infantil

  • El lejano oeste – Matthijs Broers & Jaap Kastelein
  • Un viaje a la felicidad – Percy Wenrich
  • Pepas – Farruko
  • Terra -  Tanxugueiras

Banda Grao Profesional

  • Coruña – Faustino del Río Burdiel
  • Mood Romantic – Johan Nijs
  • La la Land – Justin Hurwitz
  • Titanic – James Horner
  • Game of Thrones – Ramin Djawadi
  • Nino Bravo en concerto – Manuel Calero García
  • Delilah – Les Reed & Barry Mason
  • O voso galo comadre – Miguel Groba