Máis de 40 estudantes do Colexio María Inmaculada Verín visitan o roteiro "Verín territorio Banksy" na súa semana cultural Imprimir
Xoves, 27 Abril 2023 12:36

Máis de 40 nenos e nenas do Colexio María Inmaculada Verín visitaron hoxe o percorrido expositivo ao aire libre, "Verín territorio Bansky". Esta visita enmárcase na semana cultural que está a celebrar devandito centro educativo en conmemoración do seu 75 aniversario e no que organizan diversas actividades formativas nas áreas de Ciencias, Letras e Artes.


Verín territorio Banksy conforma un percorrido dunha hora polas rúas de Verín, onde se rehabilitaron 25 espazos degradados coas obras máis representativas do artista internacional do graffiti. O roteiro está explicado en puntos de información distribuídos pola vila, contará con folletos explicativos e as obras están identificadas con códigos QR e placas interpretativas.

As obras e os espazos do percorrido están deseñados dentro do proxecto de Interpretación Patrimonial  “Verín territorio Banksy” do Concello de Verín, e a execución dos facsímiles das obras do autor internacional corren a cargo do artista local Alex Araújo.

As persoas interesadas en realizar este percorrido teñen a súa disposición o catálogo do mesmo na Oficina Municipal de Información Turística (rúa Irmáns La salle).

Quen é realmente Banksy?

Aínda que se descoñece a identidade de Banksy, existen varias conxecturas e candidatos internacionais á súa personalidade. Un deles é Jamie Hewlett, debuxante e autor do cómic Tank Girl, aínda que fontes do entorno de Banksy o negan.

Outro candidato é Robert del Naja, líder da banda de trip hop Massive Attak, que foi grafiteiro nos 80. Neil Buchanan, presentador dun programa de arte, é outro dos candidatos máis recentes, aínda que Robin Gunningham é quizais a hipótese máis común sobre a identidade de Banksy. De ser así, tería nacido o 28 de xullo de 1973 en Yate, preto de Bristol. Os seus amigos da infancia e a presencia neste entorno das súas primeiras obras, corroboran esta versión.