Extruga na rúa 2023: unha experiencia única de música, deporte e cultura urbana en Verín Imprimir
Xoves, 27 Abril 2023 13:34

O tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura, reuniuse esta mañá con Hugo Salgado, organizador da quinta edición do festival Extruga na rúa, para coñecer de primeira man todas as novidades que traerá consigo este evento, que se celebrará en Verín os días 25, 26 e 27 de agosto.

Lourenzo  quixo expresar a súa gratitude os organizadores pola súa labor e dedicación en favor da cultura urbana, «proporcionando á nosa xuventude unha alternativa cultural de gran calidade, e da que, ademais, podemos afirmar que xa é todo un referente na provincia de Ourense».

O evento, patrocinado polo Concello de Verín, converterase unha vez máis no epicentro cultural da vila do Támega, coa zona verde de A Preguiza, as instalacións deportivas do Skate Park de Verín e a Praia Fluvial como escenarios de múltiples actividades culturais, deportivas, obradoiros e actuacións musicais.

O festival, de carácter gratuíto, contará con tres días de música, combinando artistas consolidados do panorama nacional con artistas locais emerxentes do mundo urbano. Ademais, o evento será unha das nove sedes da Liga Xunta Break de Galicia, organizada pola entidade Vella Escola de cara ás Olimpíadas 2024. Tras o éxito do I Concurso de Bandas Emerxentes, este ano repítese o certame nunha segunda edición, onde se outorgará un premio económico e a actuación no propio evento.

A Xuntanza Deportiva, zona de mercadiño e de foodtrucks será outro dos alicientes desta 5a edición máis alá de “ traer á vila moitas novidades en comparación con outras edicións e colaboracións únicas para este ano” declara Hugo Salgado, organizador do festival.