O CEIP Castrelo do Val, gañador do concurso do cartel ‘Desfile de Nenos’ Imprimir
Venres, 15 Xaneiro 2010 12:38

A Delegación Municipal de Festexos do Concello de Verín promoveu, por terceiro ano consecutivo, un concurso para seleccionar o cartel oficial  do “Desfile de Nenos”. Nesta edición participaron os CEIP Amaro Refojo, Castrelo do Val e Princesa de España, Colexio María Inmaculada e Colexio Rural Agrupado Monterrei. Cada un deles estivo representado por un máximo de tres traballos inéditos, orixinais e non premiados en ningún concurso anterior.

O xurado cualificador, composto por un representante de cada centro e por un membro designado polo Concello, escolleron tres carteis dos presentados - aos que lles outorgaron tres, dous e un punto-. Nesta ocasión o cartel participante que obtivo máis puntuación, e por segundo ano consecutivo, foi realizado polos/as alumnos/as do 1º Ciclo de Primaria (6 e 7 anos) do CEIP Castrelo do Val.

O premio consiste na edición do cartel seleccionado e na entrega dun vale de 300 euros para material deportivo e escolar -a adquirir en establecementos do Concello de Verín-.